O Club Deportivo Lugo incorpora a Josep Gayá para reforzar a súa defensa

O Club Deportivo Lugo e o futbolista Josep Gayá chegaron a un acordo para a súa incorporación ao primeiro equipo de cara á tempada 2025/26.
Josep Gayá (Mallorca, 2000) é un central de 25 anos cunha ampla traxectoria no fútbol profesional. Formado no RC Mallorca, club co que chegou a debutar en Primeira División, o defensor balear tamén competiu na SD Amorebieta e no CD Tenerife. Na última campaña viviu unha experiencia internacional no Zimbru Chisinau de Moldavia, con quen disputou a fase clasificatoria da UEFA Conference League.
Gayá é un defensa sólido, con bo xogo aéreo e capacidade para liderar a zaga, que chega para reforzar o eixo da defensa albivermella.
O xogador asina por unha tempada, máis outra opcional en función de obxectivos, e incorpórase de maneira inmediata á dinámica de adestramentos do primeiro equipo.