O Club Deportivo Lugo repartiu 2.500 invitacións entre os centros educativos da cidade

O Club Deportivo Lugo levou a cabo o reparto de 2.500 invitacións entre os centros educativos da cidade, co obxectivo de animar aos máis mozos a vivir en primeira persoa o importante encontro deste sábado ás 20:30 horas fronte a Unionistas CF no Estadio Anxo Carro.
As invitacións foron distribuídas entre o alumnado de 1º e 2º de ESO de varios colexios e institutos de Lugo, entre eles: María Auxiliadora, Fingoi, San José, Divino Mestre, Divina Pastora, Galén, Colexio Franciscanos, Colexio Maristas, IES Ánxel Fole, IES Leiras Pulpeiro, IES Lucus Augusti, IES Muralla Romana, IES Sanxillao, IES Xoán Montes, Seminario Diocesano e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Con esta iniciativa, o Club quere achegar o sentimento albivermello aos máis novos e fomentar o apoio ao seu equipo neste treito decisivo da tempada. "Animamos a todos os mozos a acudir este sábado ao estadio e levar en volandas ao equipo da súa cidade nun partido clave", afirmaron desde o Club.
Ademais, os menores de 12 anos deberán acudir acompañados por un adulto. Os acompañantes poderán acceder ao partido cun prezo especial de 5 euros, sen límite no número de acompañantes. Para evitar aglomeracións o día do partido, recoméndase realizar o canxe das invitacións durante a semana nas oficinas do estadio Anxo Carro. O mesmo día do partido, as taquillas do estadio abrirán antes do habitual, a partir das 17:00 horas, para aquelas persoas que non poideran realizar o canxe previamente.
Guille Perero, xogador albivermello, en rolda de prensa, destacou: "Esperamos unha gran afección este fin de semana, xa que é un partido importante no que necesitamos que todos os lucenses estean do noso lado".