O Club Deportivo Lugo suma a súa terceira vitoria consecutiva no Derbi dos Ancares

O Club Deportivo Lugo suma tres puntos despois de conseguir a súa terceira vitoria consecutiva en Ponferrada, onde os do primeiro equipo se enfrontaron á SD Ponferradina.
A pesar de que o Derbi dos Ancares era un dos encontros máis temidos para o conxunto albivermello, xa que se situaban no segundo posto na táboa clasificatoria e xogaban no seu campo, o Estadio El Toralín, os de Lugo non se deixaron amilanar e sacaron peito para demostrar o potencial do CD Lugo.
Así, no minuto 49 e despois dunha primeira parte que quedou en táboas, o centrocampista Jon Cabo anotou o gol que deu a vitoria ao equipo, que valoraron moi positivamente todos os xogadores, así como o adestrador, Toni Seligrat, que tras o partido destacou que "hai que crer neste equipo".
Por outro lado, todo o persoal que forma parte do Club Deportivo Lugo recoñeceu, valorou e agradeceu a gran masa de afección que se desprazou até Ponferrada para apoiar ao equipo, que conseguiu o obxectivo marcado: seguir gañando e demostrando que, a pesar da dificultade dos encontros, eles seguen en pé.
Agora, toca seguir mirando cara adiante coa vista posta no encontro do próximo sábado, 29 de marzo, ás 19.00 horas, contra o Ourense CF, ao que xa superan na clasificación deportiva de 1ª RFEF.