O Club Dez Portas organiza en Lugo o seu segundo campus de tenis de mesa este verán

O Club Dez Portas de Tenis de Mesa, coa colaboración do Concello de Lugo, pon en marcha a segunda edición do seu DezCampus, unha proposta deportiva e formativa para o tempo de vacacións escolares, destinada a rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.
O campus celebrarase do 30 de xuño ao 25 de xullo en horario de 10:00 a 14:00, cun servizo de madrugadores dispoñible a partir das 8:45, pensado para facilitar a conciliación familiar durante os meses de verán.
A actividade, centrada no tenis de mesa pero con espazo para outros deportes e dinámicas lúdicas, busca promover valores como o compañeirismo, a superación e a práctica saudable entre a mocidade.
As prazas son limitadas e xa están abertas as inscricións, cunha oferta especial para quen se anote antes do 1 de xuño. As persoas interesadas poden atopar toda a información e realizar a inscrición a través da web do club, ou por WhatsApp no número 626 343 360.
Desde o club animan á mocidade a sumarse a esta experiencia, pensada para aprender, mellorar e gozar do deporte nun ambiente divertido e educativo.