O Club Natación PortaMiñá escolle de novo Cervo para preparar a nova tempada

O Club Natación PortaMiñá de Lugo volve confiar nas instalacións deportivas de Cervo para desenvolver a súa pretempada. A expedición lucense permanece esta semana no municipio realizando a posta a punto antes de afrontar unha nova campaña de competicións.
A preparación ten como principal escenario a Piscina Municipal Olímpica de Cervo, onde os nadadores realizan diferentes sesións de traballo na auga. Os adestramentos complétanse co uso das instalacións do Complexo Deportivo da Veiga, cedidas polo Concello para facilitar o desenvolvemento da concentración.
A presenza do PortaMiñá repítese así un ano máis e dá continuidade á colaboración entre o club lucense e o municipio. Desde o Concello destacan que esta elección permite aproveitar as instalacións deportivas locais para acoller concentracións de entidades procedentes doutros puntos de Galicia, ademais de xerar actividade durante a súa estadía.
Antes do adestramento deste martes, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitaron as instalacións acompañados polo presidente do Club Natación PortaMiñá, Fernando Timiraos. Durante o encontro saudaron os deportistas e interesáronse polo desenvolvemento da pretempada.
García Caramés valorou que o club repita Cervo como lugar de preparación. "É un orgullo que un club de referencia como o PortaMiñá confíe novamente en Cervo para preparar a súa tempada. Que repitan ano tras ano é unha mostra de que contamos con instalacións e recursos que responden ás necesidades dos deportistas e das entidades que nos visitan", sinalou.
A rexedora incidiu tamén na intención do Concello de potenciar o uso das infraestruturas municipais tanto por parte dos clubs locais como por entidades de fóra do municipio. "Queremos que as nosas instalacións estean vivas e ao servizo do deporte", indicou, destacando a aposta por converter Cervo nun lugar capaz de recibir concentracións e pretempadas.
Desde o Goberno local consideran, ademais, que estas estadías teñen efectos máis alá do ámbito deportivo, xa que os participantes pasan varios días no municipio, coñecen a zona e contribúen a xerar actividade.
"A presenza do PortaMiñá durante estes días tamén supón dinamizar o municipio. Os deportistas coñecen Cervo, desfrutan da nosa contorna e xeran actividade durante a súa estadía", apuntou a alcaldesa.
O Concello agradeceu ao Club Natación PortaMiñá que volvese elixir a Piscina Municipal Olímpica e o resto das instalacións de Cervo para preparar a tempada e mostrou a súa intención de continuar reforzando a colaboración coa entidade lucense e con outros clubs que busquen no municipio un lugar para desenvolver os seus adestramentos.