O Club Natación PortaMiñá Lugo proclámase campión da Copa Galega Benxamín e da Liga Galega

GaliciaXa | LugoXa
A xornada tivo ademais un marcado carácter emotivo ao coincidir coa última competición de Marcos Timiraos como integrante do equipo técnico do club
portamina-campion-galego-benxamin
16 Jun 2026

O Club Natación PortaMiñá Lugo puxo o broche de ouro a unha tempada brillante ao proclamarse campión da Copa Galega Benxamín, un éxito ao que se suma tamén o título de campión da Liga Benxamín, consolidando así o dominio da entidade lucense na categoría.

O dobre triunfo supón o recoñecemento ao traballo e á dedicación dos nadadores e nadadoras do club, así como ao esforzo realizado ao longo de toda a campaña polo equipo técnico formado por Carlota Saavedra, Pablo Rodríguez e Marcos Timiraos. Desde a entidade tamén quixeron destacar o apoio constante das familias, ás que consideran unha peza fundamental dentro do proxecto deportivo.

A xornada tivo ademais un marcado carácter emotivo ao coincidir coa última competición de Marcos Timiraos como integrante do equipo técnico do club. O adestrador inicia agora unha nova etapa profesional, polo que recibiu o agradecemento da entidade polo seu compromiso, dedicación e contribución á formación dos deportistas durante os últimos anos.

Desde o Club Natación PortaMiñá Lugo valoran estes éxitos como o resultado do traballo colectivo realizado ao longo da tempada e celebran uns logros que quedarán para o recordo de toda a familia do club.

0.12214398384094