O Club Natación PortaMiñá pecha o Nacional Júnior cunha prata e dúas Mellores Marcas Galegas

O Club Natación PortaMiñá puxo o punto e final á súa participación no Campionato de España Júnior de Natación, celebrado nas instalacións do Club Natación Sabadell, cun balance moi positivo que se traduce nunha medalla de prata, dúas Mellores Marcas Galegas e varios postos de finalista nacional.
A gran protagonista da competición foi Celia López-Freire Francia, que se proclamou subcampioa de España na categoría de nacidas no ano 2010 nos 100 metros costas. A nadadora lucense conquistou a medalla de prata cun tempo de 1:04.65, marca que lle permitiu establecer unha nova Mellor Marca Galega de 16 anos. Na última xornada do campionato volveu mellorar os rexistros autonómicos ao bater tamén a Mellor Marca Galega de 16 anos nos 50 metros costas, proba na que finalizou na sétima posición da súa categoría.
Tamén destacou a actuación de Laura Santas, que completou un campionato moi regular. O seu mellor resultado chegou nos 200 metros bolboreta, onde acadou a sexta posición, mellorando ademais a súa marca persoal e situándose entre as mellores nadadoras españolas da xeración de 2009. A súa participación completouse cun oitavo posto nos 200 metros libres e un décimo nos 100 metros bolboreta.
Con estes resultados, o Club Natación PortaMiñá pecha unha tempada especialmente exitosa, na que os bos resultados tanto en competicións galegas como nacionais avalan o traballo desenvolvido ao longo do curso por deportistas, adestradores e familias.
Desde a entidade trasladaron os seus parabéns a Celia López-Freire Francia, Laura Santas, ao corpo técnico e a todas as persoas que forman parte do club polo esforzo, compromiso e dedicación que fixeron posible unha campaña para o recordo.