O Club Natación Portamiñá proclámase campión da Liga Galega de Clubs Alevín

O Club Natación Portamiñá proclamouse campión da Liga Galega de Clubs na categoría alevín tras a disputa das seis xornadas que conformaron a competición autonómica.
O conxunto lucense acadou a primeira posición da clasificación final cun total de 61.052 puntos, superando ao CN Ferrol, que rematou segundo con 58.091 puntos, e ao CN Ponteareas, terceiro clasificado con 55.175 puntos.
Este resultado culmina unha tempada marcada polo esforzo e a regularidade dos deportistas do Portamiñá, que conseguiron manter un alto nivel competitivo ao longo de todas as xornadas da liga. O título recoñece tamén o traballo desenvolvido polo equipo técnico e o apoio constante das familias, fundamentais na evolución dos nadadores durante a campaña.
Desde o club destacaron que este campionato é o reflexo do compromiso, a dedicación e a ilusión compartida por todo o grupo, ao tempo que felicitaron aos seus deportistas por levar o nome de Portamiñá ata o máis alto da natación galega.