O club Shihan pecha a Liga Galega con 48 medallas e 13 títulos Grand Winner na final disputada en Cedeira

O club Shihan regresou de Cedeira cun balance extraordinario tras a disputa da final da Liga Galega, última cita da tempada para boa parte dos seus deportistas. Nunha xornada marcada polas altas temperaturas e pola elevada esixencia competitiva, os seus representantes volveron destacar entre os mellores do karate galego, encabezando unha vez máis o medalleiro autonómico.
A expedición sumou un total de 48 medallas: 18 de ouro, 15 de prata e 15 de bronce, repartidas entre as modalidades de kata e kumite nas diferentes categorías de idade. Entre os campións da xornada figuraron deportistas como Valeria Rubal, Raúl Fernández, Xoan Rosa, Ian Pulido, Aroa Castro, Iria Enríquez, Lia López-Leitón, Iker Ranero, Uxía Folgueira, Antía Fernández, Paula Arrojo, Adrián Liz, Jacobo Vilar, María Cendán, Nayla Pin, Noa Ulloa e David Enríquez, que se proclamaron vencedores nas súas respectivas categorías.
A competición serviu tamén para recoñecer aos mellores karatecas da tempada a través dos premios Grand Winner, unha distinción reservada aos competidores que obtiveron os mellores resultados ao longo de todas as xornadas da Liga Galega. O club conseguiu nada menos que 13 destes prestixiosos trofeos, que recaeron en Valeria Rubal, Xoan Rosa, Ian Pulido, Iria Enríquez, Uxía Folgueira, Iker Ranero, Carmen Cendán, Ángela Buide, Adrián Liz, Nayla Pin, David Enríquez e Noa Ulloa.
Desde a entidade valoraron moi positivamente o peche da tempada e agradeceron o esforzo de todos os deportistas, incluídos aqueles que nesta ocasión non lograron subir ao podio. Tamén destacaron o papel das familias, polo seu apoio constante ao longo do curso, e o traballo do equipo técnico, encargado de formar aos mozos e mozas tanto no ámbito deportivo como nos valores asociados á práctica do karate.
Con estes resultados, o club pon o broche a unha campaña especialmente exitosa, consolidándose como unha das referencias do karate base en Galicia.