O colectivo Mar e Monte de Barreiros organiza unha ruta pola Pontenova
O colectivo de sendeiristas barreirenses Mar e Monte organiza un Samaín para o día 31 de outubro, a partir das 20 horas, no Bar Moderno de San Cosme ao que invita a todo o que queira a participar.
Tralas saídas deste mes polo Camiño de Santiago a Cabarcos e a Lourenzá, polo Monte Comado e polo monte Cornería o colectivo programa máis rutas para o mes de novembro das que hai que estar pendentes na súa web e perfil de facebook xa que cada sábado dispoñen unha, con saída normalmente ás 10 dende o devandito bar.
Sobre o Samaín, por dez euros, os participantes poderán participar dunha cita na que haberá cea en Santo Estevo do Ermo, onde se irá a pé, e na que haberán gaita e queimada. O menú está formado por empanada 'máxica', lacón de Pozo Mouro, pan de Calistro, viño dos monxes e cervexa da fervenza e un postre terrorífico, como sinala a organización. Convén levar lanternas, antorchas e túnicas. Os tíckets para participar na festa do xoves xa están a venda no Bar Moderno.
Aparte, o sábado 2 de novembro, ás 9 da mañá sairán do devandito café bar para desprazarse en coche ata A Pontenova e percorrer unha senda circular sinxela. Comerán na localidade pontenovesa e recomendan anotarse antes do día 27 de outubro por exemplo escribindo a barreirosmaremonte@gmail.com.