O Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron os primeiros petróglifos de Becerreá

LugoXa
El Colectivo Patrimonio de los Ancares documentaron los primeros petroglifos del ayuntamiento de Becerreá.
rally terras incio3
rally terras incio3
1 Abr 2022

Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares encargáronse de documentar os primeiros petróglifos do concello de Becerreá. Foi na parroquia de Vilachá, nas coñecidas como Pena do Maiseiro e Pena das Uchas, a 700 metros de altitude.

O grupo máis numeroso é o situado na Pena do Maiseiro onde se localizaron dúas ferraduras, dúas coviñas e un cruciforme. Na Pena das Uchas, a uns 200 metros da anterior, documentaron un cruciforme e unha ferradura.

Non se sabe con certeza cal pode ser o significado das ferraduras que, frecuentemente, adoitan asociarse a época medieval e que a pedra onde se gravaban actuaría como marco de término. Aínda que se descoñece cando este símbolo en "U" comezou a utilizarse para delimitar territorios, en Galicia documéntanse ferraduras de períodos anteriores. Existen algúns estudos que conxecturan que unha pedra con ferraduras indicaría a presenza dun curso de auga e que sería este o que marcaría o territorio a acoutar; de feito, as ferraduras da Pena do Maiseiro apuntan cara o rego de Liñares, e a da Pena das Uchas cara o rego do Calamouco.

Se ben cren que as ferraduras poden ser de época medieval, as coviñas, polo grao de erosión, poden ser máis antigas. Na arte rupestre galega son as representacións máis sinxelas, pero tamén as máis enigmáticas, interpretadas como recipientes para ofrendas, lugar para recoller a auga para a realización dalgún tipo de ritual, símbolos de carácter sexual feminino relacionado coa fertilidade, etc.

Canto ás cruces, polo menor desgaste que presentan, si son posteriores, realizadas, probablemente, para sacralizar un lugar considerado como pagano ou para protexelo.

Ata o verán de 2013, en que se comunicou a Patrimonio da Xunta de Galicia os primeiros petróglifos que se localizaron no concello de Cervantes, críase que eran inexistentes na comarca dos Ancares, crenza errónea xa que dende aquelas levan documentados 26 grupos, a maioría de época prehistórica.

0.1889660358429