O Colexio Cervantes de Lugo organiza a XVI carreira solidaria ‘Memorial Profe Alberto’

LugoXa
A proba contará con 838 participantes e recadará fondos para a investigación do glioblastoma a través do proxecto ‘Zebraglio’
presentacion-carreira-solidaria-Memorial-Profe-Alberto-colexio-Cervantes-Lugo
22 May 2026

O colexio Cervantes de Lugo celebra este domingo, 24 de maio, a XVI Carreira Solidaria ‘Memorial Profe Alberto’, unha iniciativa deportiva e solidaria que ten como finalidade recadar fondos destinados á investigación do glioblastoma.

A presentación desta edición tivo lugar na Delegación Territorial, nun acto no que participaron o delegado territorial Javier Arias, a alcaldesa de Elena Candia e o director do centro organizador, José Antonio Castro, entre outras persoas asistentes.

O evento acada este ano a maior participación da súa historia, con 838 persoas inscritas, consolidándose como unha das citas deportivas e solidarias de referencia na cidade.

As probas desenvolveranse nos arredores do colexio Cervantes, situado na rúa Camiño de Pipín. A xornada comezará ás 11,00 horas coa carreira das categorías infantís, con saída desde a Praza Agro do Rolo. Desde ese mesmo punto partirán ás 12,00 horas os participantes da modalidade de canicross e da andaina familiar. A carreira absoluta iniciarase ás 12,15 horas desde a farmacia Labandeira, cun percorrido de 5 quilómetros.

Como en edicións anteriores, tamén se ofrece a posibilidade de colaborar mediante un dorsal solidario para aquelas persoas que non poidan asistir presencialmente o domingo.

A iniciativa mantén viva a memoria do profesor do centro Alberto Otero, falecido a causa dun glioblastoma. A recadación obtida destinarase integramente ao proxecto de investigación ‘Zebraglio’, impulsado desde o HULA e o Campus Terra, que traballa na procura de novas vías para comprender e tratar este tipo de tumor.

Javier Arias puxo en valor o compromiso solidario de toda a comunidade educativa do colexio Cervantes e destacou o importante labor de sensibilización que supón esta proba, que combina deporte, convivencia e apoio á investigación científica.

0.1187379360199