O Colexio Marista de Lugo impulsa a súa proxección europea con intercambios en Bulgaria, Francia e Estonia

O Colexio Marista La Inmaculada de Lugo está a reforzar estes días a súa dimensión europea a través de distintas mobilidades internacionais incluídas no programa Erasmus Plus, co obxectivo de achegar a cultura europea ás aulas e promover unha educación máis global.
Na última semana, o alumnado de sexto de Primaria desprazouse ata Sofía, en Bulgaria, mentres que un grupo de estudantes de terceiro da ESO se atopa actualmente en Chambéry, en Francia. En ambos os casos, o alumnado participa en intercambios culturais con centros educativos destes países, coñecendo de primeira man os seus sistemas de ensino, así como tradicións e costumes locais.
Estas experiencias permiten ampliar horizontes, reforzar competencias lingüísticas e fomentar unha visión máis aberta e internacional da realidade. No marco destas mobilidades estase a desenvolver o proxecto “Unidos na diversidade: democracia, inclusión e enriquecemento cultural desde as diferenzas”, centrado en valores como o respecto, a convivencia e o aprendizaxe compartido entre culturas europeas.
De forma paralela, a próxima semana dúas docentes do centro viaxarán a Tallin, en Estonia, onde participarán nunha experiencia de inmersión educativa impartindo clases nun instituto local, fortalecendo así a cooperación entre centros europeos.
Todas estas accións forman parte da estratexia educativa do centro e son posibles grazas ao programa Erasmus Plus, que facilita o intercambio de boas prácticas e promove valores como a diversidade, a cooperación internacional e a convivencia.
O Colexio Marista La Inmaculada consolida así o seu compromiso cunha educación aberta ao mundo, na que Europa se converte nun espazo común de aprendizaxe e desenvolvemento persoal para toda a comunidade educativa.