O Colexio Maristas de Lugo é recoñecido polo seu compromiso coa igualdade a través da música

LugoXa
O centro obtén unha mención de honra no certame autonómico “O noso canto: máis voces, máis igualdade” cun proxecto colectivo no que participou todo o alumnado
Maristas-O-noso-canto-igualdade-e-musica
16 Apr 2026

O Colexio Maristas de Lugo foi distinguido cunha mención de honra na categoría musical da primeira edición do certame escolar “O noso canto: máis voces, máis igualdade”, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia con motivo do 8 de marzo.

O que inicialmente xurdiu como unha idea puntual, despois de que unha docente descubrira a convocatoria na web da Consellería, acabou converténdose nun proxecto de centro de gran envergadura. Progresivamente, o profesorado implicouse de maneira activa ata lograr a participación de todo o alumnado, desde Educación Infantil ata Secundaria.

O traballo materializouse na creación dun videoclip baseado nunha reinterpretación da canción “O noso canto”, co obxectivo de fomentar valores de igualdade de xénero. Cada grupo contribuíu ao proxecto tanto na gravación das voces como na elaboración das imaxes, nun proceso creativo marcado pola colaboración e o entusiasmo compartido.

A iniciativa culminou cunha gravación conxunta no patio do colexio, onde todo o alumnado participante interpretou o retrouso da canción, simbolizando a unión e o espírito colectivo que guiaron o proxecto.

A pesar das limitacións de tempo e recursos, a implicación do profesorado e a ilusión do alumnado fixeron posible a realización deste traballo, que reflicte o forte sentido de comunidade do centro educativo.

Este recoñecemento adquire especial relevancia nun certame que contou coa participación de máis de 3.500 alumnos e alumnas de arredor de 50 centros educativos de toda Galicia. Na categoría musical presentáronse 44 propostas, das cales só seis centros, entre eles Maristas de Lugo, foron finalmente distinguidos.

0.11743497848511