O colexio Maristas de Lugo impulsa a iniciativa solidaria “ConCienciArte” para recadar fondos contra o cancro

O colexio Maristas de Lugo celebrará o vindeiro 15 de xuño, entre as 10.00 e as 14.00 horas, a iniciativa solidaria “ConCienciArte”, un proxecto educativo e social promovido desde as materias de Bioloxía e Educación Plástica do alumnado de 3º e 4º da ESO co obxectivo de contribuír á loita contra o cancro a través da concienciación cidadá e a recollida de fondos.
A actividade desenvolverase nun espazo céntrico da cidade, previsiblemente en Campo Castelo, xunto ao Concello, ou, en caso de choiva, baixo os soportais da rúa Bispo Aguirre. Durante esa xornada, o alumnado instalará un posto informativo e de venda solidaria no que se combinará a divulgación científica coa expresión artística para achegar á cidadanía información sobre a prevención, o tratamento e a realidade das persoas afectadas por esta enfermidade.
O proxecto conta coa colaboración da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), entidade á que se destinarán os fondos recadados. O alumnado será o encargado de elaborar carteis informativos, así como de explicar aos viandantes o sentido da campaña e o labor que realiza a asociación no acompañamento de pacientes, familiares e na investigación oncolóxica.
Como parte da iniciativa, poranse á venda produtos artesanais elaborados polos propios estudantes, entre eles láminas artísticas, postais, bisutería, bolsas, pezas de roupa recicladas e pintadas a man, ademais doutras creacións realizadas ao longo do curso.
Desde o centro educativo destacan que “ConCienciArte” vai máis alá dunha actividade solidaria, converténdose nunha experiencia de aprendizaxe e compromiso social na que o alumnado asume un papel protagonista. A proposta busca fomentar valores como a empatía, a responsabilidade e a participación cidadá, ao tempo que visibiliza a importancia da investigación e do apoio ás persoas afectadas polo cancro.
O colexio invita á cidadanía lucense a achegarse á actividade, coñecer o traballo desenvolvido polos estudantes e colaborar cunha causa que busca sumar esforzos na loita contra a enfermidade. Baixo o lema “ConCienciArte para celebrar a vida”, a iniciativa aspira a deixar pegada tanto na cidade como nas persoas participantes.