O Colexio Santa María do Valadouro, gañador do concurso “Dálle Voz á Terra” da Fundación EDP

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
En total, máis de trescentos nenos e nenas de 11 colexios da provincia de Lugo participaron na gala final desta edición, compartindo ideas e proxectos que buscan mellorar o planeta desde as súas propias contornas
edp-concurso-ganadores-y-jurado
26 May 2026

A Fundación EDP celebrou hoxe a final do concurso escolar “Dálle Voz á Terra: Ideas para a Sustentabilidade”, unha iniciativa educativa integrada no programa Escola da Enerxía, deseñada para fomentar a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a conciencia ambiental entre estudantes de segundo e terceiro ciclo de Primaria. En total, máis de trescentos nenos e nenas de 11 colexios da provincia de Lugo participaron na gala final desta edición, compartindo ideas e proxectos que buscan mellorar o planeta desde as súas propias contornas.

O CEIP Santa María do Valadouro, do Valadouro, foi escollido gañador polo xurado formado por Ánxela Balboa, enxeñeira en Norvento TechnPower; Belén Rodríguez, xornalista da Axencia EuropaPress de Lugo e TerraChaXa e Jacobo Casas, especialista de distribución en Begasa.

Os alumnos do colexio gañador amosáronse moi satisfeitos pola súa vitoria, destacando o traballo realizado en equipo e tamén quixeron poñer en valor as propostas do resto de colexios participantes.

Proxectos orixinais, diversos e cheos de talento

As propostas presentadas polo alumnado destacaron pola súa diversidade, creatividade e enfoque práctico, con iniciativas como a creación de invernadoiros e hortas sostibles, proxectos de reciclaxe e elaboración de compost, sistemas de rega mediante depósitos de auga da choiva, a instalación de paneis solares, a construción de hoteis de insectos para favorecer a biodiversidade ou o aproveitamento da enerxía cinética xerada no patio de xogos para producir enerxía no propio centro educativo.

Desde o escenario, Valentina Mato, en representación do CEIP A Virxe da Luz, fixo un firme chamamento sobre a necesidade de coidar a auga: “No noso pobo, estando ao lado do río Miño, sabemos moi ben o valor que ten. Queremos lembrar a todo o mundo que a auga dá vida e que é un recurso moi valioso, polo que é imprescindible facer un uso responsable dela”. Con estas palabras, a alumna emocionou aos asistentes, lembrando o arraigamento da comunidade coa súa contorna natural.

Pola súa parte, Lidia Vizoso, do CEIP Santa Rita sinalou que “a terra leva anos pedíndonos axuda e nós xa aprendemos a lección. Somos as sementes do futuro”.

A directora da Fundación EDP, Vanda Martins, destacou durante a súa intervención desde Lisboa que “na Fundación EDP cremos firmemente que os máis novos teñen moito que dicir sobre o futuro, e que a sustentabilidade comeza nas aulas, nos colexios e nas pequenas accións do día a día”.

A gala, celebrada no Círculo das Artes de Lugo, reuniu aos centros CEIP Santa Rita (Viveiro), CEIP Os Castros (Burela), CEIP Celso Currás (Trabada), CEIP Santa María do Valadouro, CEIP de Quiroga, CEIP Fondo Nois (Foz), CEIP O Vicedo, CEIP Virxe da Luz (Portomarín) e o CPR Divina Pastora – Salesianos, o Colexio Fingoi (Lugo) e o CEIP Menéndez Pelayo de Lugo.

EDP ten presenza en Lugo a través de Begasa, distribuidora eléctrica do grupo EDP na zona. A colaboración de empregados de Begasa nesta edición reforza a vinculación territorial do concurso e o compromiso da Fundación EDP coa educación ambiental, a transición enerxética e o impulso dunha cultura enerxética responsable entre os máis novos.

A Fundación EDP segue fomentando a “cultura verde” con accións sostibles entre os máis novos con esta edición de Dálle Voz á Terra, que se celebra en Lugo tras o seu paso por Sagunto, Madrid, Oviedo, Sevilla e Alxeciras.

Sobre a Fundación EDP

A Fundación EDP ten como obxectivo fomentar unha transición enerxética xusta, reforzando o compromiso do Grupo EDP nos ámbitos xeográficos nos que desenvolve a súa actividade, con especial atención ás áreas educativa, cultural, social e medioambiental dentro dunha perspectiva de desenvolvemento sostible global, na que a xeración e utilización eficiente e responsable da enerxía xoga un papel determinante.

0.1349949836731