O Coliving do Carme acollerá este outono dúas sesións de deseño colaborativo
O Coliving Artístico Municipal do Carme acollerá este outono o programa Páxina en branco: sesións de codiseño para o CAM. Deste xeito, os días 29 de outubro e 21 de novembro levaranse a cabo dúas xornadas que contarán coa presenza de axentes culturais de referencia que compartirán as súas visións ao redor da programación de residencias artísticas. A sesión do 29 de outubro denomínase Residencias artísticas: creación, lugares, vínculos. Nela diferentes axentes culturais referentes no desenvolvemento de proxectos de residencias compartirán as súas experiencias de deseño, xestión e comisariado de residencias e os seus impactos na profesionalización dos artistas, no territorio, as súas comunidades ou a dinamización local.
A xornada contará coa participación de Susana González (Comisaria e responsable do Centro de Arte FMJJ en A Coruña); Miriam Vilaseco (Directora de Espazo e Galería Vilaseco en A Coruña e Chantada); José Iglesias G Arenal (responsable da plataforma curatorial MAL, mediador en Concomitentes, Los Santos de Maimona, Estremadura); e o Colectivo Glovo (colectivo artístico, responsables das residencias artísticas e de investigación Atopémonos bailando, Lugo).
Mentres que na sesión do 21 de novembro, baixo o título Boas prácticas culturais en residencias artísticas, abordaranse as repercusións das boas prácticas nos proxectos de residencias artísticas. Así, exploraranse diversos enfoques sobre a profesionalización, a sustentabilidade, o acceso á cultura, ou protocolos para espazos seguros. Participarán Zaida Llamas e Alfredo Puente (Coordinación xeral e curadoría da Fundación Cerezales Antonino e Cinia, Cerezales do Condado, León); e Ania González (avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual, Vigo), entre outros profesionais por confirmar.
“Estas sesións forman parte da programación que deseñamos dende o Executivo municipal ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, lembrou MauricioRepetto, quen explicou que “están dirixidas a profesionais da cultura con interese en participar do diálogo posterior”. As e os interesados poderán asistir de balde con inscrición previa a través do correo electrónico cam@lugo.gal (prazas limitadas).
O Coliving do Carme, inaugurado en xuño, está deseñado para ser un catalizador da cretividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. En 2025, espérase que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses.
Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro. Durante este ano 2024 o CAM Lugo xa foi testemuña de numerosas actividades destinadas a diversos públicos, tales como obradoiros, concertos, charlas ou encontros con axentes e colectivos culturais.