O comedor do colexio Fingoi II entra en funcionamento cun espazo provisional

LugoXa
O servizo comeza con 24 usuarias fixas e ata 14 persoas esporádicas mentres o Concello asume un sobrecusto de máis de 27.000 euros
comedor-fingoi-II-por-dentro-Lugo
2 Feb 2026

O comedor escolar do colexio Fingoi II comezou a funcionar unha vez que a Xunta de Galiza habilitou un espazo provisional para poder prestar o servizo, dando resposta ás solicitudes trasladadas polas familias do alumnado. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, sinalou que o Concello levou a cabo un proceso serio e rigoroso para cumprir con esta demanda e garantir a posta en marcha do comedor, que inicia a súa actividade cunha previsión de 24 usuarias fixas mensuais e ata 14 persoas esporádicas nas distintas xornadas.

Arroxo puxo o acento na calidade do servizo municipal de Comedores Escolares, que, segundo destacou, se ofrece en condicións superiores ás establecidas pola lexislación do Goberno do estado. Entre os obxectivos deste servizo atópanse a promoción de hábitos de vida saudables, a aposta por unha alimentación de calidade e de proximidade e o desenvolvemento de iniciativas complementarias como os Vieiros Escolares, orientadas a fomentar a actividade física entre o alumnado.

Neste contexto, o tenente de alcalde lembrou que a normativa estatal permite o uso de aceite de xirasol nos comedores escolares, mentres que o prego municipal esixe de maneira exclusiva o emprego de aceite de oliva virxe extra. Do mesmo xeito, explicou que a lexislación estatal limita a priorizar técnicas culinarias saudables fronte ás frituras, mentres que o contrato municipal vai máis alá e restrinxe o uso de frituras a un máximo de dúas ocasións ao mes. Ademais, no caso da elaboración dos menús, o Concello establece a obrigatoriedade de que sexan deseñados por un graduado en nutrición e dietética, unha esixencia que non figura na normativa estatal.

Para facer posible a prestación do servizo no Fingoi II, a Xunta de Goberno aprobou o pasado mércores a modificación do contrato de comedores escolares, un dos últimos trámites necesarios antes de iniciar a atención ás nenas e nenos do centro. Esta decisión implica que o Concello asuma un incremento de 27.038,88 euros no investimento municipal destinado aos comedores escolares, un gasto que, segundo lembrou Rubén Arroxo, é unha responsabilidade exclusiva da Xunta de Galiza.

A pesar diso, o tenente de alcalde asegurou que o Concello non deixará a ningún neno nin nena sen este servizo e comprometeuse a mantelo mentres se agarda a que a Xunta asuma as súas responsabilidades, ao considerar que se trata dunha prestación necesaria para moitas familias.

⚙ Configurar cookies
0.0815589427948