O comité de empresa de Alcoa segue sen data co Goberno para a multilateral
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou que seguen sen data co Goberno para a reunión multilateral prometida a semana pasada.
O vindeiro 28 de outubro os traballadores e sindicatos veranse na obriga de acudir á vista da cautelar," xa que o Goberno non plantexou a día de hoxe unha solución", din dende o comité, "por iso volvemos reclamar unha solución inmediata fora dos xulgados pois a decisión da continuidade da actividade produtiva esencial e estratéxica deber tomarse polo Goberno central".
Por outra banda, informaron que a empresa xa pode comezar coa entrega das cartas de despedimento e no caso de recibir estas notificacións, os pasos a seguir son asinar o recibo de non conforme e informar ao comité de empresa para ser asesorados e obter asistencia xurídica.
Ademais, continúan coas mobilizacións este xoves 22 de outubro ás 11 horas na que se achegarán ás oficinas do paro de Burela para visualizar o impacto do peche da fábrica. E o día 24 unha gran manifestación en Lugo que será ás 11 con saída desde o edificio da Xunta de Galicia situado na Ronda da Muralla ata a Subdelegación de Goberno en Lugo na praza Armañá.