O Concello adiantará dez días o cobro dos recibos domiciliados da auga

LugoXa
O Concello adiantará dez días o cobro dos recibos domiciliados da auga para render contas, no prazo fixado pola Xunta, dos datos do canon
suministro auga
suministro auga
17 abr 2023

O Concello de Lugo modificará neste 2023 a data de cobro dos recibos da auga que se xiran a través do banco. Unha medida que só afectará ás domiciliacións e que obedece á obriga de axustarse aos periodos que impón Augas de Galicia para render contas dos datos relativos ao tributo autonómico do Canon da Auga.

A tenenta de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que o devandito canon é unha taxa finalista que a Administración local debe recadar de maneira conxunta coa subministración de auga e os servizos de recollida de lixo e sumidoiros pero que, en cambio, non pasa a engrosar as arcas municipais senón que a súa receptora é a Xunta.

“Non só temos a obriga de incluír o canon no recibo do Concello, senón que ademais debemos trasladar a Augas de Galicia toda a información relativa ao mesmo, sinaladamente a dos impagos, e facelo nuns prazos determinados que estipula a propia entidade para que sexa ela quen o reclame, vía executiva, directamente á ou ao contribuínte”, referiu.

Toda vez que a Institución local xa dispón do aplicativo informático que permite o intercambio correcto deses contidos, resulta necesario agora adiantar uns días o cobro dos recibos que están domiciliados para coordinar o procedemento bancario cos tempos que esixe a Administración hidráulica.

Deste xeito, a edil sinalou que non mudará nin a data da emisión do padrón (de onde se obteñen os consumos dos diferentes inmobles dados de alta), nin tampouco o calendario fiscal que marca os trimestres e os períodos voluntarios de pago en cada un, que se manterán como até o de agora.

Se ben, as entidades financeiras pasarán a adiantar o cobro dos recibos domiciliados uns dez días para conxeniar o prazo de devolución que ofrecen (8 semanas) dentro dos límites dos que dispón o Concello para comunicarlle a información á Xunta.

Alvarellos Fondo visualizouno cun exemplo. “O próximo mes de abril o Concello formalizará o recibo do primeiro trimestre deste 2023 que comprende os consumos realizados á traída pública dende o 1 de xaneiro e até o 31 de marzo. Logo de que o Servizo de Augas emita o padrón e se xeren as ordes de cobro, o día 20 de abril comezará o período de pago voluntario que se manterá aberto até o 20 de xuño, atendendo ao calendario fiscal que segue en vigor”.

“Mentres tanto, os recibos domiciliados e que antes os bancos cobraban ás e aos seus clientes o 5 de maio, pasarán a xiralos o 25 de abril (9 días antes) co fin de que transcorridas as 8 semanas hábiles para unha posible devolución, o banco traspase ao Concello a recadación – xusto cando remata tamén o período de pagamento voluntario - e o departamento de Tesourería poida depurar os datos que debe remitir a Augas de Galicia dentro do prazo sinalado, cumprindo, así, coas súas obrigas”, abondou a concelleira.

Antes de rematar, Paula Alvarellos fixo fincapé en que este cambio comezará a aplicarse coa facturación do exercicio 2023 e que só se trata dun lixeiro adianto que afectará exclusivamente aos recibos domiciliados.