O Concello das Pontes convoca un concurso de decoración de fiestras
O Concello das Pontes convoca o primeiro concurso de decoración de fiestras de nadal con obxectivo de animar á veciñanza a adornar as súas vivendas para impulsar o ambiente do Nadal no municipio.
Esta iniciativa, organizada pola concellería de Turismo, concederá un total de 12 premios e 10 accésits por un valor total de 4.000 euros que se entregarán en forma de vales trocables, desde o 12 de xaneiro ata o 28 de febreiro, nos establecementos de comercio e hostalería adheridos a esta iniciativa
Os premios dividiranse en tres categorías: a categoría + Sustentable, con catro premios, onde se valorará que os adornos sexan feitos a partir de materiais reutilizados ou naturais, non contaminantes ou que, no caso de requirir aporte eléctrico, se sosteñan con enerxías limpas. Na categoría + Pontesa premiáranse as catro fiestras que mellor reflictan as tradicións, a cultura ou a historia das Pontes e na categoría + Bonitiña premiaranse as decoracións de fiestras que mellor transmitan o espírito tradicional do Nadal.
A fiestra gañadora de cada categoría recibirá 300 euros de premio, a segunda clasificada 270 euros mentres que a que ocupe o terceiro lugar recibirá 230 euros e a cuarta clasificada obterá un premio de 200 euros.
Un xurado composto por tres persoas con recoñecida experiencia no sector profesional do deseño e/ou decoración será o responsable da valoración das fiestras, a partir do día 4 de xaneiro ás 09:00 horas e de escoller as propostas gañadoras. O fallo do xurado farase público o día 11 de xaneiro e será comunicado aos gañadores por vía telefónica.
As persoas interesadas en participar deberán presentar as súas candidaturas, unha única candidatura por persoa, no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, de 08:30 a 13:30 horas, previa cita no teléfono 981453185 ou ben a través da sede electrónica antes do 30 de decembro ás 13:30 horas.
A concelleira, Elena López anima á veciñanza a participar neste concurso e poñer o seu gran de area para que “neste ano tan diferente, en calquera recuncho das Pontes se respire o espírito do Nadal “
ADHESIÓN DOS ESTABLECEMENTOS Á CAMPAÑA
Os comercios e establecementos de hostalería que desexen adherise á campaña e ser beneficiarios dos vales entregados ás persoas gañadoras do concurso de decoración de fiestras de Nadal poden presentar as súas solicitudes, ata o 8 de xaneiro, no Rexistro Municipal (cita previa no teléfono 981453185, en horario de atención ó público ou a través da sede electrónica, xunto coa seguinte documentación: NIF da empresa, número de conta bancaria, alta no IAE e certificado de estar ó corrente nas obrigas tributarias e Seguridade Social.
Para máis información consultar o BOP 215, do 16 de decembro de 2020 e no BOP 216 de 17 de decembro de 2020.