O Concello de Antas de Ulla aproba o último trámite do Parque Central de Galicia e axiliza a reforma da casa da cultura
O Concello de Antas de Ulla pechou o ano cun pleno extraordinario para impulsar dous proxectos fundamentais, o Parque Central de Galicia e a reforma da casa da cultura.
No primeiro dos casos, no pleno saíu adiante a aprobación definitiva do Plan Especial do Parque Central-Centro Xeografico de Galicia, que promove a Deputación de Lugo.
Trátase do último trámite imprescindible para que a Deputación poida iniciar os traballos do proxecto que que dará como resultado o Parque Central de Galicia. “Será un elemento diferenciador a nivel turístico, un recurso único para promover o noso concello, xerando emprego e desenvolvemento económico”, asegura a alcaldesa, Pilar García Porto.
Por outra parte, o pleno procedeu á aprobación anticipada e urxente dos pregos para a licitación das obras de reforma e mellora da eficiencia enerxética da casa da cultura de Antas de Ulla.
“Grazas a isto, reducimos á metade os prazos da tramitación administrativa do proxecto”, engade García Porto, que sostén que “a obra pode estar adxudicada en dous meses e a actuación lista a finais do verán”.
Hai que lembrar que os fondos europeos que o anterior goberno local recibiu para as obras da Casa da Cultura hai exactamente un ano “destináronse ao pago de facturas atrasadas e outras partidas”.
“Ante esta situación, tiñamos dúas opcións: ou pedir un crédito para devolver os cartos ó ministerio ou pedir un crédito para executar a obra, que é o que fixemos”, remata Pilar García Porto.
“Rematamos o ano polo tanto acelerando as tramitacións de dous proxectos claves para o futuro do concello, todo elo grazas a que o martes, 1 de xaneiro, entran en vigor os orzamentos municipais do 2024”, remata a alcaldesa, Pilar García Porto.
O Partido Popular abstívose no punto do Parque Central e votou en contra no caso da Casa da Cultura.