O Concello de Antas de Ulla aproba un orzamento municipal de 2.736.492 euros para 2025

LugoXa
“Un orzamento equilibrado, realista e con espíritu inversor, que garantiza a prestación dos servizos municipais coa prioridade da atención social”, explica a alcaldesa
casa-concello-antas-de-ulla
28 Nov 2024

O Concello de Antas de Ulla aproba no pleno un orzamento municipal para 2025 de 2.736.492,95 euros, que por segundo ano consecutivo estará en vigor o 1 de xaneiro para traballar con normalidade e facer fonte aos pagos da débeda herdada do goberno anterior.

“Un orzamento equilibrado, realista e con espíritu inversor, que garantiza a prestación dos servizos municipais coa prioridade da atención social”, explica a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.

O Concello de Antas de Ulla destinará máis de 500.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e unha primeira partida de 296.731 euros para investimentos, que se ampliará durante o ano 2025 cun modificativo de crédito e os convenios con outras administracións.

Entre outros proxectos, dentro dos investimentos impulsarase un plan de renovación e mellora da rede de viais e camiños municipais. O orzamento inclúe ademais axudas directas para as entidades culturais, deportivas e sociais do concello.

Os gastos de persoal medran polo incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e o concello modificará o IBI e o imposto do lixo, co obxectivo de facer fronte á débeda de 1,5 millóns herdada do goberno anterior e á subida do canon de Sogama.

"O anterior alcalde de Antas desviou os 816.000 euros de fondos europeos que o concello obtivo para a reforma da Casa da Cultura ao pago de facturas; deixou 300.000 euros sen pagar correspondentes a sentenzas xudiciais, e 341.072 euros en impagos do subministro de enerxía", explican desde o Goberno local.

Así, entre as irregularidades, detectouse tamén que non pagou o canon da auga a Augas de Galicia desde 2016 a 2021, aínda que si lle cobrou o recibo aos veciños. O novo IBI urbano e rústico será do 0,55 (o urbano chegou a estar no 0,60 en 2013), pero o concello aplicará bonificacións do 90 % ás familias numerosas, do 50 % ás instalacións de enerxía solar, do 50 % ás bens destinados a actividades agrícolas e gandeiras, e ata do 95 % ás empresas que xeren emprego.

Polo que respecta ao lixo, o Concello deberá facer fronte no ano 2025 á subida do canon imposto de forma unilateral pola Xunta en Sogama. A cantidade que se repercutirá pola eliminación do lixo, despois das reunións mantidas pola alcaldesa de Antas con outros alcaldes veciños, será similar a de concellos limítrofes como Monterroso, Palas de Rei, Taboada, Guntín e Portomarín, e en todo caso cumpre coas directrices europeas.

0.17128896713257