O Concello de Baleira celebrará as Xornadas Degustación do Cocido da Montaña o 4 de marzo

O vindeiro 4 de marzo, o Concello de Baleira celebrará as Xornadas Degustación do Cocido da Montaña no pavillón municipal.
Este evento, que combina a gastronomía tradicional da zona co ambiente festivo do Entroido, ofrecerá aos asistentes un día cheo de sabor, música e diversión.
A xornada contará cunha actuación da Banda Toxo Queimado ás 14.00 horas e o xantar terá lugar a partir das 14.30 horas. Este consistirá nun cocido tradicional acompañado de bebida e doces típicos do Entroido. O prezo será de 30euros por persoa, mentres que os menores de 9 anos poderán asistir de balde. Os menores de 16 anos deberán estar acompañados dun adulto.
As entradas para o xantar estarán á venda nos seguintes establecementos da Asociación de Hostalaría de Baleira: A Marronda, O Moneda, O Neireo e O Recuncho de Vane. Será necesario presentar a entrada na entrada do pavillón para acceder ao evento. Ademais, os menores de 9 anos recibirán unha invitación ao realizarse a compra dunha entrada para adultos.
As xornadas tamén inclúen un desfile de disfraces aberto a todas as persoas, polo que o pavillón abrirá as súas portas ás 17.30 horas para as persoas que queiran participar neste divertido desfile, que terá lugar ás 18.00 horas.
Durante toda a tarde, os nenos e nenas poderán disfrutar de inchables gratuitos, mentres que o DJ poñerá música e animación para garantir unha festa con moita diversión.
Un dos alicientes adicionais será o sorteo de dúas caixas con produtos típicos, que se realizará ao finalizar o xantar. Todas as entradas vendidas estarán numeradas e depositadas nunha urna, e os gañadores serán seleccionados por megafonía. No caso de non aparecer os afortunados, esperarase cinco minutos e volverase a sortear. Para retirar as caixas, será necesario presentar a entrada.