O Concello de Baralla organiza viaxes á praia durante xullo e agosto para as fins de semana

LugoXa
As saídas realizaranse os domingos con destinos como Ares, Foz, Pontedeume, Barreiros e Miño, cun prezo reducido de 6 euros por persoa
Imaxe da Praia de Balarés en Ponteceso
29 Jun 2025

O Concello de Baralla pon en marcha un ano máis o seu programa de viaxes á praia dirixido á veciñanza co obxectivo de facilitar o acceso ao litoral durante os fins de semana dos meses de xullo e agosto.

A iniciativa contará cun servizo de autobús dispoñible para todos os veciños e veciñas que queiran desprazarse a diferentes destinos costeiros.

As persoas interesadas deberán recoller o seu billete na Oficina de Información Xuvenil (Centro Sociocultural) previo pago de 6 euros. A venda de billetes realizarase os xoves e venres anteriores a cada saída en horario de 17:00 a 21:00 horas, e os asentos serán asignados segundo a orde de recollida.

As prazas son limitadas, polo que se recomenda facer a reserva con antelación. A saída do autobús será ás 9:00 da mañá desde a Praza Maior de Baralla.

O calendario de viaxes inclúe tres destinos no mes de xullo: a Praia de Ares (Ferrol) o domingo 13, a Praia de Foz o domingo 20 e a Praia de Pontedeume o domingo 27. En agosto, as saídas programadas serán á Praia de Ares (Ferrol) o día 3, á Praia de Barreiros o día 10 e á Praia de Miño o día 17.

Esta actividade conta coa colaboración da asociación “Os Malugreiros”, sendo un membro da entidade o encargado de acompañar e coordinar o grupo durante as viaxes.

⚙ Configurar cookies
0.13369393348694