O Concello de Burela activa o Servizo Temporal e Extraordinario de Axuda no Fogar
O Concello de Burela activa o Servizo Temporal e Extraordinario de Axuda no Fogar (SAF) para a atención temporal e urxente daquelas persoas que o precisen durante o mantemento da situación actual de emerxencia sanitaria e de estado de alarma motivada polo Covid-19.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explicou que “debido á actual concesión da Xunta de Galicia dun incremento de horas de atención a dependentes, permitirase un aumento de usuarios de maneira temporal. Así, o Concello poderá atender ás persoas que se viran afectadas pola situación do estado de alarma e emerxencia sanitaria (afectadas, por exemplo, no sentido de que lles pecharon o centro de día, ou que a coidadora habitual está enferma, etc)”.
López engadiu que “a Xunta de Galicia concedeu un incremento de 1805 horas extraordinarias de atención con motivo da crise sanitaria do coronavirus. Con este incremento, o Concello pode atender aos usuarios dos centros de día, agora pechado, e atender tamén algunha urxencia derivada da situación actual”.
A edil burelesa dixo que “comezamos a poñernos en contacto coas familias dos usuarios dos Centros de Día para ir propoñendo horas e axuda ás familias. Estimamos que, como mínimo, 15 familias precisan desta axuda”.
A concelleira de Servizos Sociais subliñou que “as traballadoras do SAF extreman as medidas de hixiene e seguridade para poder realizar o servizo evitando contaxiar aos usuarios. Expóñense cada día para coidar aos nosos maiores. Están facendo un gran traballo”.