O Concello de Burela aprobou o V Plan de Igualdade

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
23 Out 2020

O Concello de Burela aprobou por unanimidade, no pleno extraordinario celebrado esta semana, o V Plan de Igualdade para o período 2020-2024. Na sesión tamén se aprobou a conta xeral de 2019, que contempla un remanente de 3´5 millóns de euros e un patrimonio municipal estimado en 45 millóns.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, contou que “o martes tivemos un pleno extraordinario, basicamente para aprobar dous puntos fundamentais. Un deles é a conta xeral do ano 2019, un punto que é de obrigado cumprimento e hai que facelo nun tempo suficiente e amparado pola normativa. Nosoutros cumprimos todo iso. Hai que ter en conta que a conta xeral é un documento onde figuran o balance da situación de todo o que se fixo no 2019 con respecto á economía, á conta de resultados e ao patrimonio, que por certo aumentou considerablemente con respecto a outros anos, estamos xa en 45 millóns aproximadamente. Teño que dicir que o remanente o temos está próximo aos 3´5 millóns de euros, que é unha cifra considerable e aí se ve que no Concello de Burela tratamos de facer ben as contas. Tamén figura unha memoria”.

O rexedor subliñou que “esta conta xeral é un documento técnico, quen o fai é o departamento de Intervención. Este documento técnico pasa antes pola comisión especial de contas do Concello onde decidimos, antes de mandalo ao Consello de Contas, telo en exposición pública e estivo durante quince días sen que houbera ningún tipo de alegación. Polo tanto había que procurar no pleno seguinte aprobalo e fíxose así, porque hai que ter en conta que é un documento técnico onde se explica todo canto se fixo con respecto a ingresos, a gastos, onde se empregaron, como se fixo e todo o que consiste en facer un balance final da conta con respecto ao ano anterior. Este ano fixemos o de 2019, fíxose con moito tempo porque, derivado da pandemia, había ata o 22 de xaneiro para facer esta presentación, pero nosoutros cumprimos rapidamente”.

Alfredo Llano engadiu que “hai outro tema que tamén foi importante, que é a aprobación do V Plan de Acción para a Igualdade de Mulleres e Homes no Concello de

Burela que vai de 2020 a 2024. Este plan creo que está moi ben elaborado, ten unha serie de obxectivos claros e unha maneira tamén clara de executalos. Penso que se implica a todo o mundo, tanto de asociacións como do Concello e de todo aquilo que poida levar adiante uns obxectivos claros en materia de igualdade”.

O alcalde relatou que “este plan, que foi aprobado por unanimidade, ten seis liñas estratéxicas, por exemplo a ordenanza en favor da igualdade, o cambio de valores e modelos para a igualdade, a empregabilidade e conciliación corresponsable, o benestar e calidade da vida e tamén a participación social e cidadá activa. Hai ademais un apartado de acción integral contra a violencia de xénero, onde implicamos a colexios, a colectivos e a todo o mundo. É un plan para realizar en catro anos, vai ser moi efectivo e penso que marcando un pouso para ter unha referencia clara para acadar a igualdade, aínda que isto xa sabemos todos que é algo que se debe exercer día a día”.

0.1837329864502