O Concello de Burela decretará o peche dalgúns parques e prazas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Alfredo Llano, asegura que o Concello decretará o peche dalgúns parques e prazas co obxectivo de complementar as restricións da Xunta de Galicia e así tentar parar canto antes o brote de  Covid-19 na comarca.
poligono
6 Jul 2020

O alcalde, Alfredo Llano, asegura que o Concello decretará o peche dalgúns parques e prazas co obxectivo de complementar as restricións da Xunta de Galicia e así tentar parar canto antes o brote de  Covid-19 na comarca. Burela é un dos concellos da Mariña onde hai máis positivos e confinados. Llano entende que este novo confinamento é molesto, xa que afectará á economía, pero o importante é a saúde.

O rexedor contou que “esas medidas son as seguintes: o aforo de locais, que estaba no 75% pasa de novo ao 50%; nas praias hai que garantir unha distancia entre usuarios de 4 metros, que en Burela xa o estabamos a facer; non se permiten reunións de máis de 10 persoas entre non convivintes; o horario de peche de todos os locais será ás doce da noite; non se permite saír da comarca; circular si que se pode por cuestións de traballo ou por algunha obrigación, pero no resto de casos non se recomenda. Estas medidas que sairán publicadas no DOG de hoxe afectará ao distrito sanitario da Mariña”.

Alfredo Llano subliñou que “agora mesmo onde máis contaxiados e confinados hai é en Burela. Nosoutros seguramente que ampliemos estas medidas decretadas por la Xunta para garantir unha maior seguridade e evitar ao máximo posible os contaxios. Imos pechar algún parque e algunha praza e xa faremos tarefas de control, de recomendación e de información a todo o mundo que ande por aí”.

Para o alcalde de Burela “non hai outra posibilidade de facerlle fronte ao Covid-19 que non sexa a propia conciencia e a propia responsabilidade de cada quen. Non hai outra maneira”.

Sobre o confinamento de 5 días na comarca da Mariña o rexedor de Burela manifestou: “aquí parece que se quere equilibrar todo no aspecto de garantir que se vaia votar o vindeiro domingo. Sería preocupante que unha vez superados os cinco días sigamos no mesmo plano ou se complique máis. Esperemos que non, que non haxa máis contaxios, que se vaian dando de alta os confinados e que todo vaia moito mellor. Pero paréceme a min que encaixa moi ben que sexan 5 días de confinamento para non evitar que ninguén vaia ás votacións. Agardemos que todo vaia ben, porque se non sería un pouco irresponsable planificar so para cinco días co único propósito de respectar as eleccións”. 

Llano lembrou que “xa se ten feito e aquí en Burela temos a experiencia de que se tiveron que repetir as eleccións nalgunhas mesas, entón tamén se poderían aprazas as eleccións autonómicas na comarca para outra data. Iso xa lle corresponde á Xunta de Galicia”.

O alcalde de Burela engadiu que “tamén hai que ter en conta a celebración das probas de acceso á Universidade, tal e como se plantexou na xuntanza desta mañá. Hai moitos rapaces e rapazas que están confinados e igual teñen que facer a selectividade. Vaise facer outro día, non se vai facer, cómo se vai facilitar a súa participación… hai unha serie de dúbidas que hai que despexar”.

Llano explicou que “o confinamento era unha medida que xa se tiña solicitado, ao mellor non é moi rigorosa en moitos aspectos. Se non se ten coidado baixar do 75 ao 50% non é moi significativo, o importante sexa na porcentaxe que sexa é gardar as formas e as medidas de seguridade e os protocolos”.

O rexedor burelés entende que “isto é molesto e que pode afectar á economía, pero o que importa realmente é a sanidade e a saúde. E partires de aí podemos planificar e ir equilibrando a cuestión sanitaria co traballo e con todas as actividades posibles que deben existir. Pero vamos facer as cousas ben para non ter que tomar medidas máis adiante, volver pechar ou pasar a unha das fases iniciais de desescalada desta pandemia. Vamos intentar colaborar entre todos para minimizar ao máximo posible os contaxios”. 

0.11880707740784