O Concello de Burela segue inmerso en obras de mellora en varias rúas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Burela segue a executar obras en varias rúas e beirarrúas da vila.
16 Sep 2020

O Concello de Burela segue a executar obras en varias rúas e beirarrúas da vila. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que os traballos van a bo ritmo e pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar estes días. As actuacións que se levan a cabo na rúa Celso Emilio Ferreiro rematarán a vindeira semana. 

Alfredo Llano contou que “estes días estamos executando varias obras, de asfaltado sobre todo, en varias rúas. Sei que provocan nalgún momento algún tipo de molestia, pero tamén teño que dicir que a celeridade é máxima, que estamos procurando rematar o antes posible, e desde logo facelo da mellor maneira”.

O alcalde dixo que “tamén se están arranxando varias beirarrúas que estaban moi deterioradas. Estase procurando adaptar, tanto as rúas como as beirarrúas, ás necesidades dun funcionamento óptimo para o noso concello”.

O rexedor burelés explicou que “está moi avanzada a obra en Celso Emilio Ferreiro. Esta obra íase culminar esta semana, pero derivado das choivas que se prevén posiblemente quede o asfaltado, que é o remate final, para a semana que ven. Pero se lle está dando celeridade e tamén se fixo unha canalización nova de residuais para mellorar a situación de recollida de augas pluviais e residuais. O asfaltado era moi agardado, realmente se necesitaba”.

Llano engadiu que “seguiremos avanzando neste tipo de obras, procurando que o noso concello teña os servizos e as obras da mellor maneira posible para que a veciñanza se sinta correspondida”.

Axudas a empresas e autónomos

Sobre as axudas establecidas polo Concello para autónomos e negocios que se viron afectados por peches ocasionados polo covid-19 Alfredo Llano asegurou que “estamos recibindo diariamente a petición destas axudas que o Concello de Burela quere aplicar, dentro das súas posibilidades, para axudar o máximo posible aos autónomos e aos comerciantes pola situación de falta de actividade provocada polo coronavirus”.

O rexedor lembrou que “o xoves desta semana, o día 17, remata o prazo para solicitar estas axudas. Esperemos que todo o mundo teña algunha contía. O máximo son 700 euros, pero hai que buscar a maneira de sacar o máximo posible para poder facer fronte a aqueles gastos derivados coas fórmulas que están determinadas xa pola normativa para poder ser aplicadas”.

Alfredo Llano indicou que “o Concello de Burela, dentro das súas posibilidades porque houbo que mirar moito polo miúdo para poder aplicar a normativa, saca estas axudas que no seu conxunto suman 125.000 euros”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.060279846191406