O Concello de Castro de Rei licita a rehabilitación da antiga escola unitaria de Azúmara

O Concello de Castro de Rei vén de iniciar os trámites para a licitación das obras de rehabilitación da antiga escola unitaria de Azúmara, un inmoble histórico que se pretende recuperar para darlle un novo uso social ao servizo da veciñanza da parroquia. O proxecto conta cun orzamento total de 86.992,48 euros, dos cales 69.595,98 euros serán achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), mentres que o resto correrá a cargo das arcas municipais.
As empresas interesadas en executar esta actuación, incluída dentro do denominado Proxecto Sendeiro, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de febreiro. Segundo informa o Concello, esta é a segunda vez que se saca a licitación esta obra, xa que na primeira convocatoria só se presentou unha empresa que non cumpría coas condicións establecidas no prego.
Os traballos previstos centrarán nunha primeira fase na retirada da vexetación do contorno do edificio, na limpeza dos muros de cachotaría, na substitución dos elementos deteriorados, como linteis, e na recuperación dos elementos orixinais do inmoble, adquirido polo Concello arredor do ano 1930. Tamén se contempla a colocación dun novo pavimento interior e a reconstrución da cuberta, respectando a estrutura orixinal, cunha cuberta de madeira e lousa do país a dúas augas.
Nunha fase posterior, actuarase no interior do edificio coa redistribución dos espazos e a execución dos acabados necesarios para adaptalo ao seu novo uso. O obxectivo final é que a antiga escola se converta nun espazo de utilidade social, dando resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Azúmara, que carecen dun local axeitado para a celebración de reunións, asembleas ou encontros veciñais e gastronómicos.
Desde o Concello confían en poder iniciar en breve os traballos de rehabilitación e subliñan a importancia desta actuación para a recuperación do patrimonio local e a dinamización social da parroquia.