O Concello de Castroverde destina 17.000 euros ao deporte escolar a través das Escolas Municipais

O Concello de Castroverde asinou un convenio de colaboración co Club Escolas Municipais Castroverde por un importe máximo de 17.000 euros para impulsar o deporte base no municipio durante o curso 2026/27. O acordo, incluído no programa de subvencións nominativas da Administración local, permitirá desenvolver diferentes actividades deportivas dirixidas á poboación escolar.
A través deste convenio, o club encargarase de organizar as escolas de fútbol campo, baloncesto, patinaxe, judo, ximnasia rítmica, bádminton e ping-pong. Ademais, o acordo contempla tamén o mantemento do campo de fútbol municipal.
O Concello destaca que esta colaboración busca facilitar que os nenos e nenas de Castroverde poidan practicar diferentes modalidades deportivas e acceder a unha formación que vai máis alá da actividade física. A Administración local tamén pon en valor a implicación das persoas e entidades do municipio que traballan para manter estas actividades e fomentar o deporte entre os máis novos.