O Concello de Castroverde paraliza as obras dunha granxa tras as denuncias de ADEGA

O Concello de Castroverde paralizou as obras de ampliación dunha explotación gandeira privada en Cellán de Mosteiro tras a denuncia presentada por ADEGA-Lugo polos movementos de terras, escavacións e recheos que se estaban executando na contorna da granxa.
ADEGA presentara unha denuncia urbanística ante o Concello para que se inspeccionasen as actuacións e se comprobasse se contaban coas licenzas e autorizacións necesarias. Tras a intervención municipal, a resolución ditada polo Concello determina a paralización dos traballos e a comprobación da legalidade das actuacións.
A organización ecoloxista advertira ademais de que o depósito das terras estaba afectando unha zona húmida que constitúe as nacentes dun regato conectado co rego do Mosteiro e, posteriormente, co río Tórdea.
ADEGA reclama recuperar a zona húmida
Para ADEGA, a paralización das obras constitúe "un primeiro paso imprescindible, pero insuficiente", polo que considera necesario abordar tamén a restauración da zona afectada polos movementos de terras e os recheos para recuperar as condicións naturais do espazo.
A organización denuncia que as terras procedentes das escavacións estaban sendo retiradas en camións e trasladadas, entre outros puntos, a unha finca próxima onde se estaba prolongando un recheo iniciado xa en 2024.
ADEGA considera especialmente preocupante a transformación da zona húmida, que hai uns anos conservaba unha ampla superficie de auga e que, tras os recheos, quedou reducida a unha zona de xunqueira. Segundo a entidade, neste punto se atopan as nacentes dun regato que desemboca no rego do Mosteiro e acaba no río Tórdea.
Así mesmo, a organización considera necesario revisar a situación da explotación gandeira e a súa ampliación ata preto de 1.600 xatos de cebo, e determinar se, desde o punto de vista sanitario e urbanístico, resulta axeitada a súa localización dentro do núcleo de Cellán de Mosteiro.
ADEGA agarda agora que o Concello de Castroverde e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil completen as comprobacións e adopten as medidas necesarias para garantir a protección do curso de auga e a recuperación ambiental do espazo afectado.