O Concello de Cervo iniciou videochamadas cos negocios do municipio

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Cervo iniciou no día de hoxe unha serie de videochamadas para informar a todas as persoas autónomas que xestionan negocios no municipio sobre as medidas que se tomaron ata o momento a nivel municipal para aliviar, dentro das posibilidades e das competencias que ten a administración local, a carga á que se enfrontan estes pequenos empresarios.
118476095_2628772444002300_737268393092427490_o
8 Maio 2020

O Concello de Cervo iniciou no día de hoxe unha serie de videochamadas para informar a todas as persoas autónomas que xestionan negocios no municipio sobre as medidas que se tomaron ata o momento a nivel municipal para aliviar, dentro das posibilidades e das competencias que ten a administración local, a carga á que se enfrontan estes pequenos empresarios.

Así,  o rexedor, Alfonso Villares, contactou cunha trintena de hostaleiros do municipio, para trasladarlles que non se cobrará a taxa de ocupación de vía pública desde o 15 de marzo e ata que remate o ano.

Do mesmo xeito, outra das medidas que se adoptou foi a eliminación do canón de lixo a aqueles establecementos que se viron obrigados ao peche a causa do COVID-19 e ata que poidan recuperar a súa actividade.

Ademais, tamén se flexibilizará o pago das taxas de todos os servizos que se prestan de xeito directo, de xeito que estes negocios terán ata catro meses para abonar os recibos que lles chegarán agora –correspondentes ás taxas de auga e lixo, de xaneiro e febreiro-,sen ningún recargo. Ese prazo ampliarase ata finais de ano, nos seguintes recibos que se emitan a partir de agora.

O rexedor continuará a facer estas videochamadas o luns, a fin de chegar a todas as persoas que están á fronte dalgún establecemento no municipio.

Ademais, abriuse unha vía de comunicación directa coas persoas autónomas do Concello a través do correo autonomos@concellodecervo.com, que estará á súa disposición para que poidan trasladar calquera dúbida ou cuestión  do seu interese que será canalizada segundo corresponda.

Tal e como explican desde o Concello, “son medidas que poñemos en marcha a fin de contribuír a mitigar a carga que soportan neste momento estes pequenos empresarios do noso municipio, e que podemos asumir grazas á xestión pública da maioría dos servizos que se prestan”.

0.17597317695618