O Concello de Foz informa da renuncia da concelleira Verónica Peña

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere denunciar “a manipulación política que está a facer o Partido Popular e o seu portavoz, Javier Castiñeira, no referente á residencia de maiores e centro de día de Foz.
28 Jan 2020

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere denunciar “a manipulación política que está a facer o Partido Popular e o seu portavoz, Javier Castiñeira, no referente á residencia de maiores e centro de día de Foz. Como representantes políticos debemos ser serios, responsables e moi rigorosos, porque os nosos actos teñen consecuencias no benestar dos veciños”. E o rexedor municipal explica que “a compañeira Acela Verónica Peña Castiñeira renunciou á acta de concelleira o pasado mércores día 22, para evitar o deterioro da imaxe do equipo de goberno e a manipulación, que, finalmente e tristemente, fixo efectiva o Partido Popular. Esta renuncia á acta honra á nosa compañeira e bota por terra as falsas e malintencionadas acusacións que está a verter o portavoz do principal partido da oposición e deputado provincial. Ante un posible conflicto entre Concello de Foz e o centro de día Aloumiños no tocante á residencia, esta renuncia desbota calquera tipo de sospeita e dá conta da seriedade e compromiso que ten o equipo de goberno co noso pobo, especialmente no eido social”.

Cajoto engade “como recolleu a prensa escrita o pasado sábado, día 25, o Concello e este alcalde estamos moi contentos e satisfeitos co servizo que se está a prestar na residencia e centro de día de Foz, respecto ao cal non temos queixa de ningún usuario. Ante a denuncia verbal recibida no tocante ao cumprimento dos pregos de contratación, foi remitida a información de inmediato aos servizos técnicos, que son os encargados de revisar o cumprimento dos mesmos e ser garantes de que se cubra calquera eiva administrativa”.  

O alcalde de Foz tamén manifesta que “en ningún momento ningún membro do Partido Popular se puxo en contacto con este equipo de goberno para informarse ou preocuparse da situación; máis ben ao contrario: parece que a oposición traballa por agravar ou afondar calquera conflito, indo en contra dos intereses de Foz. E resúltanos completamente inverosímil a petición dun pleno extraordinario para este asunto por parte do Partido Popular, sendo como son coñecedores de que está feita a convocatoria do pleno ordinario de xaneiro para este xoves, día 30. O máis lóxico ao noso entender sería a presentación dunha moción de urxencia no pleno ordinario. Pero en caso de que o Partido Popular e o seu portavoz non rectifiquen e dado que a lexislación obriga á súa convocatoria, o próximo xoves día 30 teremos a paradoxa de poder asistir a dous plenos, un extraordinario e outro ordinario”.

0.18500185012817