O Concello de Foz mellora viarios rurais das parroquias de Cangas e Nois
O Concello de Foz continúa a traballar nas obras de mellora de camiños en distintas parroquias do rural con cargo ao Plan Único 2019. Unha vez rematada a limpeza de cunetas na parroquia de Santa Cilla (barrio do Chao) e San Martiño (camiño Río - O Carme) estase procedendo ao perfilado das marxes do camiño Alemparte – Vilamor, na parroquia de Cangas, e dos camiños proxectados na parroquia de Nois (Apeadoiro - Carpacide e Cabanas - Lamallada). A continuación procederase á limpeza de cunetas no camiño Bargado – Lousada, dentro das obras de mellora de viarios no rural con cargo ao Plan Único 2019.
Estas actuacións completan un total de máis de 279.000 euros de investimento financiados pola Deputación de Lugo a través do Plan Único 2019 e que consisten na mellora do firme con aglomerado en quente de distintos viarios municipais, ao que se engadiu o pintado da sinalización horizontal e distintas melloras.
O Concello de Foz informa ademais que o vindeiro luns, día 2 de marzo, darán tamén comezo as obras no camiño de Alemparte, entre a Nacional 642 e o Camiño Real, na parroquia de Cangas. Financiada con 48.000 euros de fondos propios, a primeira actuación consiste na renovación da tubería de abastecemento de auga, substituíndo a actual condución por unha canalización de PVC de 75 milímetros de diámetro e 10 atmosferas de presión, que evitará as continuas roturas que se estaban a producir nesta tubaxe. As obras complétanse co aglomerado en quente do camiño con mestura bituminosa tipo D-12 e a disposición da sinalización necesaria.
Para rematar o Concello de Foz quere trasladar as súas desculpas polas molestias ocasionadas durante o transcurso das obras e pide extremar a precaución mentres estean as máquinas traballando.