O Concello de Guntín reformará a Casa Cuartel cunha axuda da Xunta

LugoXa
A actuación mellora a eficiencia enerxética e as condicións de habitabilidade do edificio con financiamento de fondos Feder
Cuartel-Guntin
22 Jan 2026

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concedeu unha axuda de 117.200 euros ao Concello de Guntín para levar a cabo a reforma da Casa Cuartel da localidade, unha actuación orientada a mellorar a eficiencia enerxética, o confort e as condicións de habitabilidade do inmoble. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o edificio para comprobar o resultado das obras acompañado polo alcalde, Ángel Pérez.

A intervención foi posible grazas á orde plurianual de axudas da Xunta destinada á mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas municipais, unha liña de subvencións cofinanciada con fondos europeos Feder. O proxecto executado centrouse na renovación da envolvente térmica do edificio e na modernización do sistema de calefacción, co obxectivo de optimizar o rendemento enerxético e incrementar o benestar das persoas usuarias.

Os traballos realizados incluíron a modificación da estrutura da cuberta, á que se incorporaron novos sistemas de illamento e impermeabilización, así como un revestimento exterior de lousa. No interior, executouse un trasdosado con illamento de lá de roca e procedeuse á substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmico, dobre vidro e cámara de aire. Ademais, o proxecto contemplou a instalación dun sistema de climatización baseado nunha bomba de calor de xeotermia, unha solución máis eficiente e sostible.

Durante a visita, Javier Arias destacou que este tipo de actuacións contribúen de maneira directa á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático. O delegado territorial lembrou que estas axudas se encadran na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no Programa Feder Galicia 2021-2027, apostando por un modelo máis sostible e eficiente nas infraestruturas públicas municipais.

⚙ Configurar cookies
0.13787698745728