O Concello de Lugo abre as instalacións deportivas da Casa do Deporte e de Frigsa no mes de xullo

A Concellería de Xuventude e Deportes do Concello porá a disposición da cidadanía varias instalacións deportivas municipais durante todo o mes de xullo para facilitar a práctica deportiva de grupos organizados. Os espazos poderán utilizarse mediante reserva previa e estarán destinados á práctica de fútbol sala e fútbol-7.
Entre as instalacións habilitadas figura o polideportivo da Casa do Deporte, onde os usuarios poderán facer uso da cancha cuberta para a práctica de fútbol sala. Tamén estará dispoñible o Campo de Fútbol Luís López Gorgoso, en Frigsa, que contará con dous campos de fútbol-7 de herba artificial.
O servizo estará operativo entre os días 1 e 31 de xullo, de luns a venres. As instalacións poderán empregarse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e tamén en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.
Para acceder aos espazos deportivos será necesario realizar unha reserva previa o día anterior, chamando ao teléfono 626 069 369 durante o horario de apertura da instalación. As reservas efectuaranse por franxas dunha hora e cada grupo poderá solicitar un único espazo por día.
Os grupos deberán estar formados por un mínimo de dez persoas. No caso dos maiores de idade, será preciso que un dos integrantes asine unha declaración responsable. Se os participantes son menores de 18 anos, a declaración deberá ser asinada por unha persoa adulta que asuma a responsabilidade do grupo.
Ademais, a persoa responsable deberá cubrir presencialmente o formulario de declaración responsable antes de acceder á instalación no horario reservado.
Con esta iniciativa, o Concello busca fomentar a práctica deportiva durante o verán e facilitar o acceso da cidadanía ás instalacións municipais en condicións organizadas e seguras.