O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar unha das 20 casetas do Mercado de Nadal da Praza Maior

O Concello de Lugo abriu a convocatoria para participar no Mercado de Nadal, que se instalará na Praza Maior entre o 4 de decembro e o 5 de xaneiro de 2027. A iniciativa contará con 20 casetas de madeira, cunha superficie mínima de seis metros cadrados, destinadas á venda de produtos artesáns, artigos de Nadal e propostas de hostalaría local.
Do total de postos, 16 reservaranse para o comercio artesán e os produtos do Nadal, incluíndo artigos de elaboración propia, decoración e agasallos. As catro casetas restantes destinaranse á hostalaría, que poderá ofrecer alimentos e bebidas para o seu consumo durante a celebración do mercado, nos termos autorizados polo Concello.
A participación será gratuíta e as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 30 de novembro. A asignación das casetas realizarase mediante sorteo público o 1 de decembro, ás 12:00 horas.
O Concello facilitará as casetas, a súa decoración exterior, unha cadeira de madeira, iluminación xeral e tomas de corrente. Pola súa banda, cada expositor deberá achegar os elementos necesarios para mostrar e vender os seus produtos, así como encargarse da decoración interior e da selección dunha oferta acorde coa temática do mercado.
O horario obrigatorio de apertura será de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, aínda que os postos poderán ampliar a atención ao público entre as 11:00 e as 14:30 horas e entre as 16:30 e as 21:00 horas. Os días 24 e 31 de decembro haberá horario reducido, de 11:00 a 14:30 horas, mentres que o mercado permanecerá pechado o 25 de decembro e o 1 de xaneiro.