O Concello de Lugo abre unha vía de colaboración coas escolas infantís para reforzar as políticas de atención á infancia

O Concello de Lugo impulsará a adhesión da cidade á Rede de Cidades Amigas da Infancia, unha iniciativa que promove políticas públicas centradas na protección, a participación e o benestar dos nenos e nenas. Así se acordou durante a reunión de traballo que a alcaldesa, Elena Candia, mantivo cos representantes da Plataforma Galega de Escolas Infantís, David Castro e Pilar Varela Rojo.
O encontro permitiu abordar distintas propostas encamiñadas a mellorar a atención educativa na primeira infancia e seguir avanzando nun modelo de cidade centrado nas persoas desde os seus primeiros anos de vida.
Entre os asuntos tratados, ambas partes puxeron de relevo o papel da Facultade de Formación do Profesorado como aliada estratéxica para achegar coñecemento, investigación e innovación educativa ás políticas municipais destinadas á infancia. Neste contexto, valorouse a creación dun marco de colaboración que permita coordinar, reforzar e dar continuidade ás diferentes iniciativas e programas que xa se desenvolven na cidade.
Outro dos compromisos asumidos pola rexedora foi incorporar a visión e a experiencia dos profesionais da educación infantil no deseño das futuras zonas de xogo que impulse o Concello, co obxectivo de que estes espazos respondan tamén a criterios pedagóxicos, de desenvolvemento infantil, accesibilidade e inclusión.
Durante a reunión, Elena Candia repasou algunhas das actuacións que o Goberno local está a promover dentro do seu proxecto de cidade centrado nas persoas. Entre elas citou o apoio a entidades como Intelecto e Medrando Xuntas, a creación da futura Unidade de Atención Temperá e Postemperá, o desenvolvemento dun Plan Municipal de Saúde Mental e a colaboración coas entidades que traballan con nenos e nenas con necesidades especiais.
A alcaldesa subliñou a importancia de manter unha colaboración constante cos profesionais que traballan diariamente coa infancia e asegurou que "as mellores políticas públicas nacen da escoita e da colaboración con quen coñece de primeira man as necesidades das familias e dos nenos e nenas". Ademais, incidiu na vontade do Goberno local de seguir construíndo "un Lugo máis amable, inclusivo e pensado para acompañar ás persoas en todas as etapas da vida, empezando pola infancia".