O Concello de Lugo acusa á Xunta de bloquear o convenio da rúa Serra de Meira

O Concello de Lugo denuncia que a Xunta de Galicia está a obstaculizar a tramitación do convenio necesario para acometer a mellora da rúa Serra de Meira ao non remitir o proxecto construtivo da intervención, un documento imprescindible para continuar coa tramitación administrativa. Segundo explica o Executivo municipal, esta documentación foi solicitada en reiteradas ocasións á Consellería correspondente, sen que ata o momento fora enviada á Administración local.
A ausencia deste proxecto impide que os servizos municipais de Enxeñaría e Urbanismo poidan emitir os informes preceptivos, polo que o procedemento non pode avanzar. O Goberno local subliña que se trata dunha condición indispensable para formalizar o acordo entre ambas administracións e que, sen ese paso previo, o expediente queda paralizado.
Desde o Concello consideran que esta situación non responde a cuestións técnicas, senón a unha decisión política que estaría bloqueando a relación institucional ordinaria entre ambas entidades, freando así unha intervención que cualifican de estratéxica para a zona leste da cidade. Neste sentido, o Executivo municipal sinala directamente ao delegado territorial da Xunta en Lugo e ao grupo municipal do Partido Popular, aos que acusa de realizar declaracións públicas que, ao seu xuízo, non se axustan á realidade administrativa ao atribuír ao Concello a responsabilidade do atraso.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, lembra que esta actuación está integrada no Plan Paradai e asegura que tanto o Concello como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa cumpriron cos compromisos asumidos. O rexedor considera incomprensible que a Xunta siga demorando o proceso e destaca que foi el quen logrou desbloquear a situación política tras a reunión mantida coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, na que o 14 de outubro se acordou que a administración autonómica asumiría o 100 % do custo da obra. Porén, segundo afirma, ese compromiso non quedou reflectido no texto do convenio remitido posteriormente ao Concello.
Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, cualificou a situación de inaceptable desde o punto de vista institucional e moi prexudicial para a cidade. O edil sostén que non existe ningún obstáculo técnico nin urbanístico que xustifique a paralización do proxecto, senón unha clara falta de vontade política. Ademais, advertiu de que sen proxecto non se poden emitir informes, sen informes non é posible formalizar o convenio e, en consecuencia, non pode iniciarse a obra. Tamén acusou ao Partido Popular de trasladar á opinión pública unha versión que, segundo indicou, non se corresponde coa tramitación real do expediente, e asegurou que o Concello está preparado para activar de inmediato o procedemento e poñer os terreos á disposición en canto a Xunta cumpra coa súa obriga de enviar o proxecto.
O Goberno municipal reafirma a súa vontade de colaboración leal entre administracións, pero reclama responsabilidade e cumprimento dos compromisos adquiridos para que a reforma da rúa Serra de Meira poida executarse sen máis demoras. O Executivo lembra que o progresivo deterioro da vía, unido ao elevado volume de tráfico e ás condicións meteorolóxicas, continúa provocando problemas de seguridade e mobilidade para a veciñanza, polo que considera prioritario que a Xunta materialice a actuación comprometida e abandone unha actitude que, ao seu entender, está a frear o desenvolvemento dunha infraestrutura esencial para Lugo.
CONTESTACIÓN POR PARTE DA XUNTA
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, instou ao Concello de Lugo a asinar “sen máis dilacións” o convenio de colaboración necesario para iniciar as obras de urbanización na rúa Serra de Meira.
Arias manifestou a súa sorpresa polas declaracións do alcalde sobre a tramitación do acordo e lembrou que o rexedor é “perfectamente coñecedor do proxecto”, que foi consensuado previamente en reunións entre representantes de ambas administracións.
Segundo indicou, “non ten sentido seguir buscando escusas para atrasar unha actuación importante e demandada pola cidadanía”, especialmente cando será a Xunta quen asuma o financiamento íntegro dos traballos. O investimento previsto supera os 1,1 millóns de euros nunha vía de titularidade municipal.
O delegado sostén que o Goberno galego “está a cumprir coas súas obrigas” e considera que é o Concello o que está a bloquear unha intervención que cualifica de prioritaria. Co obxectivo de axilizar os trámites, confirmou que o proxecto construtivo será remitido ao Concello “sen problema algún”.
A previsión da Xunta é licitar as obras no primeiro semestre de 2026 e iniciar os traballos a continuación. Para iso, resulta imprescindible a sinatura do convenio, dispoñible para a súa formalización desde o pasado 21 de xaneiro, xa que permitirá que o Concello poña a disposición os terreos municipais necesarios.
A actuación contempla a mellora e ampliación da rúa no tramo comprendido entre as glorietas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez. Inclúe pavimentación da calzada, execución de novas beirarrúas, mellora das sendas peonís, xardinería, instalación de mobiliario urbano e renovación de servizos municipais, entre outras intervencións.