O Concello de Lugo adapta o alumeado ornamental á normativa de aforro enerxético

LugoXa
O goberno actualizará o acendido do alumeado ornamental da cidade á normativa de aforro enerxético decretada polo goberno do estado
muralla lugo alumeado 2
3 Ago 2022

A concellería de Infraestruturas Urbanas actualizará o acendido do alumeado ornamental da cidade á normativa de aforro enerxético decretada nos últimos días polo goberno do estado. A nova normativa estatal indica que a partir das 22:00 se deben apagar as instalacións de alumeado ornamental, polo que a rede de alumeado público actualizarase para manter apagadas durante a noite as luces da Catedral, Muralla, fachada do Concello, Igrexa de San Froilán, fachada do Cuartel de Garabolos, Ponte branca, Pasarela Fluvial, Fachada do Palacio Municipal de Deportes, Viaducto da Chanca, rúa San Marcos, praza Maior, restos arqueolóxicos de Campo Castelo e praza de Ferrol e Quiroga Ballesteros.

O Goberno de Lugo planificou a modificación nos horarios de alumeado durante o mes de agosto, e irase actualizando segundo o goberno do estado actualice as distintas normativas. O persoal técnico responsábel do mantemento da rede de alumeado público comezará hoxe a programar os novos horarios de acendido, acción que tardará uns días en realizarse en toda a rede. As limitacións só afectarán ao alumeado ornamental, non tendo efecto sobre a rede de alumeado público, garantindo a seguridade nas rúas.

0.16625285148621