O Concello de Lugo anuncia a construción dunha Cidade do Deporte en San Fiz

LugoXa
O proxecto, cun orzamento superior a 300.000 euros, permitirá crear o maior complexo deportivo planificado na cidade no século XXI
proxecto-Cidade-Do-Deporte-Lugo-San-Fiz
14 Jan 2026

O Concello de Lugo anunciou a construción dunha nova Cidade do Deporte no barrio de San Fiz, unha infraestrutura estratéxica destinada a dotar á cidade de instalacións modernas e adaptadas ás necesidades actuais e futuras do tecido deportivo local. A contratación do proxecto sairá a licitación este mes por un importe superior a 300.000 euros e o prazo de execución previsto é de cinco meses, co obxectivo de contar co proxecto definitivo despois do verán.

O complexo, considerado integral de referencia, incluirá un pavillón con tres canchas independentes, unha sala de musculación de case 200 metros cadrados, pistas de squash e espazos polivalentes. Ademais, proxéctase a creación dun campo de fútbol e dun campo de rugby, aumentando de forma notable a capacidade da cidade para acoller adestramentos, competicións e eventos deportivos de distinto nivel. O conxunto desenvolverase sobre unha parcela de máis de 32.000 metros cadrados, cunha superficie construída de 24.890 metros cadrados, e completarase con instalacións de apoio como vestiarios, bancadas e servizos comúns.

O concelleiro de Urbanismo, Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou a dimensión social, educativa e comunitaria do proxecto, subliñando que “potenciar o deporte é investir en formación, en saúde e en cohesión social, promovendo hábitos de vida saudables e valores como o esforzo, o respecto e o compañeirismo”. Ademais, lembrou que a iniciativa responde a máis de dous anos de traballo e a un minucioso estudo das necesidades reais do deporte lucense, tras centos de horas de diálogo con todos os axentes implicados.

Segundo Bustos, este será o maior complexo deportivo planificado en Lugo no século XXI, un proxecto que abre un horizonte ata agora impensable para a cidade e que reforzará a calidade de vida da comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.082319021224976