O Concello de Lugo apoiará un programa de convivencia interxeracional entre persoas maiores e estudantes universitarios

LugoXa
A alcaldesa reuniuse con responsables da USC para coñecer esta iniciativa, que busca facilitar o acceso á vivenda, combater a soidade non desexada e reforzar o benestar do alumnado
reunión-Concello-de-Lugo-proxecto-de-convivencia-interxeracional--USC
9 Jul 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co vicerreitor do Campus de Lugo, Roberto Bande, e coa vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar da Universidade de Santiago de Compostela, Lorena Añón, para coñecer os detalles do proxecto de convivencia interxeracional que impulsa a USC.

Tras o encontro, a rexedora avanzou que o Concello colaborará nesta iniciativa, destacando que "proxectos como este reforzan o posicionamento de Lugo como unha cidade comprometida coa universidade e co benestar do estudantado". Ademais, indicou que o Goberno local estudará diferentes fórmulas de colaboración con outras propostas que a Universidade pretende desenvolver para fortalecer a estrutura de benestar do Campus de Lugo.

O programa de convivencia interxeracional ten como obxectivo facilitar a convivencia entre persoas maiores e estudantes universitarios mediante unha alternativa de aloxamento baseada na cooperación, a solidariedade e o apoio mutuo.

A iniciativa pretende dar resposta ás dificultades de acceso á vivenda que afronta parte do alumnado que se despraza desde outros municipios para cursar os seus estudos no Campus de Lugo. Ao mesmo tempo, busca contribuír a reducir a soidade non desexada entre as persoas maiores, fomentar un envellecemento activo e autónomo, fortalecer as redes de apoio social e promover a relación entre distintas xeracións.

O proxecto permitirá tamén que o estudantado adquira experiencia en contextos reais de convivencia e coidado, favorecendo o desenvolvemento de competencias persoais, sociais e profesionais, ademais de reforzar o seu compromiso coa comunidade.

"Queremos que Lugo sexa unha cidade universitaria de referencia, non só pola calidade da súa formación, senón tamén pola capacidade de acoller, acompañar e ofrecer oportunidades aos estudantes. Cada estudante que escolle Lugo é unha oportunidade para o futuro da cidade. Queremos crear as condicións para que, cando rematen a súa formación, decidan quedar, traballar e construír aquí o seu proxecto de vida", afirmou Elena Candia.

A alcaldesa concluíu sinalando que este programa representa o modelo de cidade polo que aposta o Goberno municipal, baseado na colaboración entre institucións, na atención ás persoas, na promoción da solidariedade entre xeracións e no fortalecemento de Lugo como cidade universitaria.

0.1315598487854