O Concello de Lugo aproba dez licenzas urbanísticas e impulsa novas actuacións en infraestruturas e servizos municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou dez licenzas urbanísticas destinadas á rehabilitación, mellora da accesibilidade e construción de vivendas tanto no casco urbano como no rural. Entre as actuacións autorizadas figuran a rehabilitación dunha edificación tradicional en Cabanas, Santa Comba; a construción dunha vivenda unifamiliar na Louzaneta; a instalación dun elevador vertical nunha vivenda de Monte Faro; a substitución dunha cuberta en Vilar, na parroquia de Adai; dous cambios de uso de locais comerciais a vivenda na Rúa Nova; un cambio de uso dunha edificación tradicional en Santa María Alta; dúas segregacións de parcelas en Seivane-Tirimol e Bascuas; e a demolición dun centro de transformación situado na Avenida de Madrid.
Co obxectivo de axilizar a tramitación administrativa, tamén se aprobou delegar a sinatura das licenzas de ata 300.000 euros no concelleiro responsable da área.
Entre os acordos adoptados figura igualmente a contratación das obras de abastecemento de auga á parroquia de San Martiño de Ombreiro, incluídas no Plan Provincial Único de Cooperación 2026. A actuación contará cun orzamento total de 272.274,67 euros, dos que a Deputación de Lugo achegará 239.994,87 euros. Ademais, aprobouse a contratación da subministración de grava miúda para tratamentos superficiais en camiños municipais.
No ámbito das infraestruturas, a Xunta de Goberno deu luz verde á adenda de modificación e prórroga do convenio entre a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e Adif para o desenvolvemento da futura área de transporte intermodal e da súa contorna urbana.
Tamén se abordou unha cesión contractual vinculada a actividades da programación municipal de Xuventude e, fóra da orde do día, aprobouse a adhesión ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e a Federación Galega de Provincias para a creación da rede de concellos contra o acoso escolar, da que Lugo será un dos primeiros municipios en formar parte.
Ademais, iniciouse a contratación dunha operación de crédito a longo prazo destinada a financiar o anexo de investimentos previsto para 2026 e aprobouse unha incorporación de remanentes para financiar actuacións como o San Froilán, a carreira profesional dos traballadores municipais, intervencións na Praza de Abastos e unha nova partida para o bono comercio.