O Concello de Lugo aproba novas prazas de bombeiros e Policía Local e impulsa o Plan Municipal de Adiccións 2026-2030

A Xunta de Goberno Local extraordinaria e urxente celebrada no Concello de Lugo deu luz verde a diferentes asuntos vinculados ao reforzo dos servizos municipais, á cobertura de persoal e ao impulso de programas sociais e de prevención.
No ámbito de persoal, aprobáronse as bases específicas para o acceso en propiedade de 17 prazas de bombeiro/a condutor pertencentes ao cadro de persoal funcionario do Concello. Trátase de postos correspondentes ás ofertas de emprego público dos anos 2023, 2024 e 2025, cuxa tramitación se considera prioritaria para evitar a súa caducidade e garantir a incorporación de novos efectivos a un servizo esencial para a cidade.
Tamén se aprobaron as bases específicas para o acceso en propiedade de 4 prazas de Policía Local en quenda de mobilidade, incluídas na Oferta de Emprego Público de 2025. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a Oferta de Emprego Público sectorial da Policía Local para o ano 2026, continuando coa planificación destinada a reforzar os efectivos deste servizo.
Desde o goberno local lembran que a falta de persoal afecta actualmente a diferentes departamentos municipais, polo que consideran prioritario impulsar as convocatorias pendentes e avanzar na cobertura das vacantes existentes. Neste sentido, destacan o traballo desenvolvido nas últimas semanas para acelerar expedientes que acumulaban demora e evitar que convocatorias incluídas nas ofertas de emprego público perdesen a súa vixencia por falta de tramitación.
Na sesión acordouse igualmente a designación dos membros do comité de selección do persoal do Obradoiro Dual de Emprego Officium Curantis, así como a determinación da data de realización das probas selectivas, dando continuidade á tramitación deste programa de formación e emprego.
No ámbito social e de saúde pública, aprobouse tamén o Plan Municipal de Adiccións 2026-2030, un documento estratéxico que servirá de guía para as políticas municipais de prevención, sensibilización e intervención fronte ás adiccións durante os próximos anos. O anterior plan perdera a súa vixencia a finais de 2025, polo que a súa actualización era necesaria para garantir a continuidade das actuacións municipais neste ámbito.
Desde o Executivo local destacan que estes acordos permiten avanzar no reforzo dos servizos públicos, impulsar a cobertura de prazas pendentes e actualizar ferramentas de planificación necesarias para responder ás necesidades actuais da cidade.