O Concello de Lugo aproba o seu primeiro programa municipal para a xestión e control das colonias felinas

O Concello de Lugo aprobou o seu primeiro Programa para a mellora e control poboacional das colonias felinas, formación e concienciación social do municipio, un documento co que se busca avanzar cara a unha xestión máis ordenada, eficaz e coordinada dos gatos comunitarios presentes na cidade.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Benestar Animal, Mar Carballas, presentaron a iniciativa acompañadas pola presidenta e a secretaria da asociación Michos de Lugo, Elvira Díaz e Tamara Rodríguez, así como polo xefe de servizo, Miguel Negral.
Este programa supón un novo paso nas políticas municipais de benestar animal ao establecer por primeira vez un marco estable de actuación para a xestión das colonias felinas, con protocolos definidos, responsabilidades concretas e mecanismos de coordinación entre a administración, as entidades colaboradoras e as persoas voluntarias.
O documento foi elaborado pola asociación Michos de Lugo en colaboración co Servizo de Medio Ambiente do Concello e baséase no método CER —captura, esterilización e retorno— considerado o sistema máis eficaz e respectuoso para o control da poboación de gatos comunitarios. Ademais, incorpora medidas relacionadas coa atención veterinaria, alimentación e coidados, formación das persoas colaboradoras, mediación veciñal e accións de sensibilización social.
Entre as actuacións previstas atópase a creación dun rexistro municipal de coidadores, aos que se lles entregará un carné que permitirá pasar da figura de voluntarios alimentadores á de xestores éticos das colonias. O programa tamén contempla a elaboración dun censo de gatos comunitarios e das distintas colonias existentes no municipio.
O orzamento previsto para a implantación do programa ascende a 30.748 euros. Neste sentido, o Concello solicitou unha subvención de 25.183,80 euros ao Ministerio, aínda que no caso de non obter este financiamento, a administración local asumirá o investimento con fondos propios.
Durante a presentación, a alcaldesa recoñeceu expresamente o compromiso da asociación Michos de Lugo e de todas as persoas voluntarias que colaboran no coidado e seguimento das colonias felinas, ademais do traballo técnico e administrativo desenvolvido polo persoal municipal, que permitiu que Lugo conte por primeira vez cun instrumento propio de planificación nesta materia.
Segundo indicaron desde o Concello, este programa permitirá pasar de actuacións puntuais a unha planificación estable baseada en criterios técnicos, coa finalidade de mellorar o benestar animal, a convivencia veciñal, a salubridade pública e a coordinación entre os distintos servizos implicados. Ademais, defenderon que o benestar animal debe entenderse non só como unha cuestión ambiental, senón tamén social.