O Concello de Lugo aprobou o plan de patrocinios do Arde Lvcvs 2025

LugoXa
Este modelo permitirá que entidades de distintos sectores apoien o evento mediante achegas económicas
arde_lucus_2024
12 Feb 2025

O Concello de Lugo aprobou o plan de patrocinios do Arde Lvcvs 2025, unha iniciativa que busca fortalecer a ambientación, a programación e a difusión da festa a través da colaboración con empresas privadas.

Este modelo permitirá que entidades de distintos sectores apoien o evento mediante achegas económicas, garantindo maior visibilidade nos espazos oficiais, materiais promocionais e soportes dixitais.

O plan establece seis categorías de patrocinio adaptadas ás diferentes posibilidades económicas das empresas interesadas. O nivel básico, denominado patrocinio Lexionario, require unha achega de 1.500 euros e inclúi presenza en redes sociais, na web oficial, en carteis e no programa da festa. O patrocinio Optio, cunha contribución de 3.000 euros, engade a participación na reunión de patrocinadores cunha nota de prensa. No nivel Centurión, cunha achega de 6.000 euros, os patrocinadores obteñen anuncios na prensa e unha publicación exclusiva nas redes sociais oficiais do evento.

Os niveis superiores ofrecen maior visibilidade nos soportes do evento. O patrocinio Prefecto, con 10.000 euros, outorga mupis exclusivos, presenza no vídeo oficial e 10 entradas para o circo. As empresas que opten polo patrocinio Tribuno, cunha contribución de 15.000 euros, contarán cun número superior de mupis exclusivos e un reforzo na publicidade individualizada. Finalmente, a categoría máis alta, o patrocinio Legado, para quen achegue 18.000 euros, brindará a máxima visibilidade, con 30 bandeirís no centro histórico, presenza destacada en materiais de difusión e privilexios exclusivos na promoción do evento.

A captación de patrocinios levarase a cabo mediante un procedemento aberto, onde as ofertas económicas determinarán a adxudicación, garantindo unha xestión transparente e competitiva. "O Arde Lvcvs pretende incorporar máis público internacional, por iso o noso obxectivo é seguir mellorando a recreación histórica e a oferta para que a experiencia sexa cada vez máis inmersiva", sinalou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

A festa de recreación histórica, que se celebrará entre o 12 e o 15 de xuño de 2025, foi recoñecida en 2023 como Festa de Interese Turístico Internacional e conta co respaldo dos e das lucenses e do tecido asociativo da cidade. Grazas ao seu traballo, o evento converte a Lugo nun escenario vivo do pasado, unha experiencia que cada ano segue evolucionando cara á excelencia.

0.17637801170349