O Concello de Lugo esixirá que a Xunta asuma o custo orzamentario do Servizo de Axuda no Fogar

LugoXa
 A área socialista defenderá no pleno ordinario unha proposición na que reclama ao Goberno autonómico que a súa achega económica sexa igual á diferenza entre o custo do servizo menos o importe da participación da persoa usuaria
maiores-servicio-de-axuda-no-fogar1
23 Out 2024

 A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición na que reclama ao Goberno autonómico a que a súa achega económica para o mantemento do SAF sexa igual á diferenza entre o custo do servizo menos o importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, tal e como recolle a lexislación autonómica. “A Xunta está a incumprir a súa propia normativa. No encontro mantido entre o señor Rueda eo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias fai xa máis de tres meses abordaronse cuestións que afectan o ámbito local como o financiamento de servizos e, entre eles, o Servizo de Axuda non Fogar", sinala ao respecto a edila de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde.

Durante esta xuntanza, o presidente da Xunta "comprometeuse a revisar a achega autonómica ao financiamento desta prestación. É urxente e necesario que cumpra a súa palabra coa mayor celeridade posible para así reverter a deriva na que o seu executvio esta a mergullar aos servizo sociais  no noso municipio e en toda Galicia”. “A nosa realidade social, con máis do 23% de persoas maiores de 65 anos,  cunha taxa de dependencia da poboación maior de 64 anos na provincia de Lugo de 47’71 e cun índice de envellecemento do 269’05, avala a necesidade de apostar por un sistema público, áxil e eficiente  que dea solución efectiva aos coidados derivados da dependencia”, afirmou López Racamonde.

A iniciativa socialista recorda que a achega do Goberno de España para dependencia amosa nos tres últimos anos un incremento acumulado de 3.792,5 millóns de euros, o que supón recuperar o 94% dos recortes realizados polo goberno de Mariano Rajoy no ano 2012, tras a aprobación do RDL 20/2012. “Sen embargo o incremento orzamentario do Goberno central tivo un efecto perverso nalgúns gobernos autonómicos, como o galego, que aproveitou esta suba para reducir os presupostos propios en lugar de utilizar o aumento para atender ás persoas en situación de dependencia que se atopan nas listas de espera ou mellorar a calidade das atencións, incrementando as contías das prestacións económicas ou mellorando a intensidade e compatibilidade dos servizos”, lamentou a concelleira.

Deste xeito, o grupo socialista sinala no seu texto, que un dos servizos fundamentais para a abordaxe da dependencia é o Servizo de Axuda no Fogar que, a tenor da evolución económica dos últimos anos,  ten un incremento orzamentario que non se corresponde coas actualizacións realizadas polo Goberno da Xunta de Galicia. “Fronte a falta de compromiso que o Goberno autonómico evidencia nesta materia da súa competencia exclusiva, apostamos por realizar esta enorme mobilización de recursos municipais para garantir a atención adecuada a este colectivo”, afirmou López Racamonde, quen denunciou que  na actualidade, fronte á ausencia de lista de espera en SAF de libre concorrencia financiado ao 100% polo Concello de Lugo; a lista de espera da prestación que lle corresponde financiar á Xunta de Galicia é de 57 expedientes de Grao III, o que supón 4.531 horas mensuais e de 203 expedientes de Grao II, con 10.353 horas mensuais.

O sistema de atención á dependencia, a pesar dos incrementos orzamentarios estatais, "segue orixinando malos tratos institucionais debido á burocracia e á desidia amosada pola Xunta.  Segue sen avaliarse o impacto negativo de xénero derivado da feminización dos coidados, na medida en que estes non son resultado dunha libre elección, xa que as persoas coidadoras familiares dadas de alta no convenio especial da Seguridade Social o 88,1 % son mulleres e un 57,1 % menores de 55 anos”, rematou a concelleira, quen espera que, nesta ocasión, todas as forzas políticas representadas na corporación posicionense do lado da veciñanza e esixan a Xunta que cumpra coas suas obrigas como administración.

0.17878007888794