O Concello de Lugo avanza na adhesión ao sistema VioGén

LugoXa
Ángeles Novo lembrou que “despois de moitos meses de traballo, hoxe dimos un paso determinante para a integración de Lugo no VioGén"
Xunta-Local-Seguridade-Viogén-Lugo
25 Apr 2025

O Concello de Lugo avanza na súa integración no sistema VioGén, de protección e seguimento das vítimas de violencia de xénero, mediante a sinatura do protocolo de colaboración entre as policías Local e Nacional.

O acordo remitirase a VioGén, quen autorizará a sinatura entre o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, como máximo responsable da Policía Local, e o secretario de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior.

O rexedor municipal sinalou que “aínda que este tipo de asistencia xa se estaba a prestar, a adhesión de Lugo ao VioGén aglutinará ás institucións competentes nesta materia, incidindo na prevención e reforzando a atención ás mulleres maltratadas”.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, valorou a incorporación de Lugo e reafirma o compromiso do Goberno de España para impulsar políticas de prevención e reforzar a atención ás vítimas da violencia machista en todo o territorio.

O rexedor municipal mostrou a súa satisfacción pola aprobación e a sinatura deste procedemento de colaboración que permitirá, dixo, “a integración de Lugo no sistema VioGén do Ministerio do Interior para o seguimento e protección de vítimas de violencia de xénero. Isto vai permitir aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero”.

Pola súa banda, a edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, lembrou que “despois de moitos meses de traballo, hoxe dimos un paso determinante para a integración de Lugo no VioGén. Isto suporá o establecemento dunha rede para unha atención máis rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas e tamén dos seus fillos e fillas. Cumprimos así un dos principias compromisos que se fixo Paula Alvarellos na súa chegada á Alcaldía e polo que tanto traballou”.

FORMACIÓN

Tres axentes locais integrarán o equipo ou Unidade de Enlace, previa formación e cun período de traballo nas dependencias da Policía Nacional, para familiarizarse cos procedementos comúns.

Neste sentido, o protocolo establece que a formación realizarase desde unha perspectiva integral, con especial atención á orde penal, coñecemento do ordenamento xurídico que castiga os comportamentos propios da violencia de xénero; formación para o desempeño das funcións de protección das vítimas e formación psicosocial para entender o fenómeno de violencia de xénero.

Ademais, ao comezo de aplicación do presente protocolo os funcionarios da Policía Local, durante un prazo de tres días, desprazaranse ata as dependencias da Policía Nacional para poder interiorizar a mecánica de traballo e establecer procedementos comúns na execución das funcións, que permitan unha coordinación práctica futura máis fluída e unha protección uniforme ás vítimas por parte de ambas institucións.

FUNCIÓNS DA POLICÍA LOCAL

Unha das funcións que desempañarán os tres axentes da Policía Local que se integrarán no VioGén terá que ver coas valoracións da situación de risco das mulleres e dos casos activos. De feito, unha vez realizada a primeira VPR (Valoración Policial de Risco) polo Grupo de UFAM (Unidade de Atención á Familia e á Muller) da Comisaría Provincial de Lugo, ata un 30% dos casos con nivel inicial de risco baixo ou medio serán asignados á Policía Local, sempre ponderando as circunstancias e posibilidades de cada unidade.

Os restantes casos que inicialmente presenten risco alto ou extremo serán asignados á Policía Nacional. Porén, no caso de que unha das vítimas asignadas ao corpo local con risco baixo ou medio, tras realizar unha nova valoración, elevase o risco a nivel alto, seguirase mantendo o seguimento por parte da Policía Local, co fin de non provocar unha segunda vitimización da muller, salvo que en posteriores VPER (Valoración Policial da Evolución do Risco) manteñan o nivel alto; nese caso valorarase, xunto con responsables da Policía Nacional, se é aconsellable o cambio do corpo responsable da súa protección.

Outras funcións da Policía Local dentro do sistema VioGén consistirán en prestar apoio na xestións dos recursos sociais e legais, como poden ser as medidas xudiciais, a denuncia e a elaboración dos atestados; os traslados das vítimas, ou as dilixencias durante a instrucción e o atestado.

 

⚙ Configurar cookies
0.13961791992188