O Concello de Lugo celebra o 24 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro presentou as actividades coas que o Concello de Lugo celebrará o 24 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade.
Ferreiro afirmou que "o día forte será o sábado 30 de novembro, cando contaremos con 3 audicións das corais lucenses ao longo de todo o día e cunha andaina solidaria, e o domingo 1 de decembro poderemos desfrutar dos xogos tradicionais de Xotramu".
As corais Orfeón Lucense, que actuará ás 13.00 horas; o Coro do Hospital, que actuará ás 18.30 horas; e Sólo Voces, ás 20.00 horas, estarán na Praza da Mosqueira ao longo de toda a xornada do 30 de novembro.
As actividades continuarán cunha andaina solidaria destinada a apoiar a labor das entidades animalistas da cidade. Sairá ás 18.30 horas desde a Mosqueira e chegada na Rúa Virxe da Esperanza. O percorrido "inclúe algúns dos puntos máis emblemáticos da cidade, como a propia Ronda da Muralla, as rúas Bispo Aguirre e Ramón Ferreiro, Avenida de Madrid e, finalmente, a Rúa das Artes", explicou Maite Ferreiro.
A participación nesta andaina é de balde, "pero as persoas que o desexen poderán contribuír mediante doazóns en efectivo, que se destinarán integramente á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo e a Michos de Lugo, ambas referentes na protección dos animais na nosa cidade e que desenvolven un traballo fundamental para fomentar a adopción e garantir o benestar animal", lembrou a edil de Cultura.
A celebración do 24 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade remata o domingo, 1 de decembro, cunha xornada de xogos tradicionais a cargo de Xotramu, que terá lugar entre as 12.00 e as 14.00 na Mosqueira.